Primal Game Studio emprendeu con éxito unha campaña de micromecenado en Kickstarter na que superaron os 276 mil dólares para financiar o seu xogo Mandragora: Whispers of the Witch Tree, que se define a si mesmo como un xogo de rol de acción e desprazamento lateral en 2.5D con elementos de metroidvania e soulslike, e por fin está dispoñible para o público en versións para consolas Xbox Series X|S, para PlayStation 5 e para PC (en Steam, na tenda de Epic Games e en GOG), estando previsto que no futuro conte tamén con versión para as consolas de Nintendo.
Este título independente contou co apoio de ID@Xbox, e pese a ser un título modesto, presenta uns acabados moi coidados, unha estética con moita personalidade, unhas mecánicas desafiantes e unha historia que promete máis de 40 horas de xogo.
Mandragora convídanos a converternos nun inquisidor que ten que loitar contra o mal que invade Faelduum a través de fendas da realidade. Poderemos escoller entre 6 clases únicas e dominar a espada e a maxia en combates brutais, nos que haberá que escoller o momento oportuno para golpear ás criaturas e aos xefes finais para acabar con eles. Tamén é posible facer evolucionar o personaxe con seis árbores de talentos e centos de habilidades e melloras de combate dispoñibles. Todo un mundo de posibilidades que agradecerán os xogadores máis afeitos aos xogos de rol e aos títulos tipo Dark Souls.
Tráiler de lanzamento do xogo

