Este sábado 20 de setembro ao mediodía entregáronse os premios ás mellores iniciativas empresariais desta 12ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store. Como cada ano, o comité organizador foi o encargado de valorar e seleccionar as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades. A gran triunfadora foi a ferramenta tecnolóxica Serenia. No plano tecnolóxico-dixital tamén obtivo un recoñecemento o software DigHY.
Ao acto asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica do Concello de Pontevedra; David Regades Fernández, delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Rafael Domínguez Artime, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; José Luis Ramírez Matos, director de zona Pontevedra Metropolitana de Abanca; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store xunto a unha representación do comité organizador.
A asistente virtual para coidar e entreter a persoas maiores Serenia conseguiu facerse co premio ao mellor emprendemento e tamén co premio na súa categoría englobada no sector das TIC e as Novas Tecnoloxías. Segundo lembrou o xurado, a empresa de Moaña, Serenia Solutions SL enfoca as súa innovadora solución tecnolóxica a ofrecer acompañamento e entretemento ao mesmo tempo que monitoriza distintos aspectos da saúde, como a ansiedade, a depresión ou o deterioro cognitivo, a partir das conversas. “As interaccións cos usuarios son supervisadas pola IA na procura de posibles indicios de problemas de saúde cognitiva ou emocional ofrecendo así un valioso servizo de prevención e coidado da saúde”, salientaron dende a organización.
Dentro dos premios concedidos aos proxectos de cada modalidade, foi recoñecida a cooperativa Contando Ouvellas no apartado de Turismo, Ocio e Benestar. Esta empresa con base en Vigo fabrica é a responsable da marca MiAlma, que se dedica ao deseño e fabricación de colchóns e produtos relacionados co descanso, ofrecendo solucións personalizadas a medida para campers e tamén camas para mascotas.
Pola súa banda, o espazo de arte vigués Sepia Art Shop foi recoñecido como proxecto destacado no ámbito da Formación, Educación, Arte e Cultura, pola súa proposta enfocada a elaboración artesanal de pastillas de acuarela innovadoras coma son as metalizadas ou de cores neón que reaccionan baixo a luz UV e tamén de cadernos feitos a man para técnicas húmidas. Ademais comercializan accesorios complementarios para a pintura con acuarelas como pinciñas, pinceis, ou botes herméticos para auga, co obxectivo de que as persoas podan pintar viaxando.
Na área da Comunicación, Deseño Gráfico e Eventos a organización premiou á pontevedresa Borneo, unha axencia creativa e produtora audiovisual formada por profesionais de xeración Z e Millenial dedicada á produción de publicidade, ficción e documental, así como á música e organización de eventos que está desenvolvendo unha longametraxe documental e un ciclo de sesións de música en directo e saúde mental que se celebrará en próximas datas en Pontevedra.
Pola súa banda, a empresa de Pontevedra Tergo destacou no ámbito das Enxeñarías cunha carteira de servizos profesionais de drons na que se inclúen servizos de voo, venda de equipos DJI Enterprise e formación especializada para pilotos.
Na modalidade de Deseño de Moda, Complementos e Decoración recibiu o premio a marca de bolsos de coiro artesanal Enxebre, que comercializa desde Pontevedra creacións inspiradas en Galicia, na nosa cultura, nos nosos costumes e nas mulleres.
Por último, en Alimentación e Restauración fíxose co premio a empresa de Lugo PROA2 Health co seu produto PROA2 Care, un leite de inicio para lactantes elaborado con leite 100 % A2 procedente de vacas galegas das razas Holstein e Jersey en réxime de pastoreo, cunha formulación innovadora mellora a dixestibilidade e achega a composición da fórmula á do leite materno. Esta composición, cun perfil lipídico e un glóbulo graxo de mellor calidade, mantense grazas a un tratamento térmico adaptado que minimiza as alteracións da materia prima. Adicionalmente, intégranse ingredientes premium seleccionados a partir de investigacións previas do equipo da USC, como probióticos e subprodutos valorizados da industria láctea.
Ademais, o software Dighy, dedicado ás empresas do sector do hidróxeno e dos combustibles renovables resultou vencedor na rolda de financiamento do Pont-Up Venture. A consultora AtlantHy, con sedes en Vigo e en Madrid, que traballa desde 2021 no sector do hidróxeno renovable, da captura de carbono e da produción dos combustibles sintéticos, presentou ante o xurado DigHY, unha ferramenta dixital para avaliar proxectos de hidróxeno, metanol e amoníaco de forma rápida e precisa, realizando simulacións de diferentes proxectos e configuracións que permite ás promotoras e construtoras de novas infraestruturas deseñar e dimensionar plantas de produción de hidróxeno e simular o seu comportamento técnico e económico para avaliar o rendemento en función do deseño e da localización. O xurado da Pont-Up Venture decidiu recoñecer a DigHY “polo seu baixo risco de investimento e a alta escalabilidade do seu modelo de negocio, ademais do impacto social e ambiental do hidróxeno como sistema de enerxía”.
Visitas institucionais ao recinto
Ao longo da mañá o Pont-Up Store recibiu a visita do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, que percorreu o recinto feiral e participou na actividade As cooperativas inspírannos, organizada pola Rede Eusumo da Xunta de Galicia para celebrar o Ano Internacional das Cooperativas mediante a creación dun mural colectivo dirixido polo artistia Héctor Pichel para reflectir os valores do cooperativismo. Tamén pasou polo recinto o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades Fernández, e do concelleiro e portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra, Iván Puentes, para facer un percorrido polos stands e actividades do encontro para coñecer os emprendementos participantes 12ª nesta edición.
O encontro Pont-Up Store está organizado desde a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, na que se integran 220 empresas que se foron sumando ao longo das 11 edicións celebradas, co patrocinio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, a Universidade de Vigo como impulsora do evento e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través do Igape e das áreas de Emprego e Igualdade, Abanca, R e Zona Franca de Vigo, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das iniciativas empresariais máis relevantes.
A asistente virtual para maiores Serenia, mellor emprendemento 2025 en Pont Up Store
Compartir Este Artigo

