A startup de orixe galega con sede en Madrid Breakevent alcanzou a final da 3ª edición anual do Global MediaTech Pitch Day, logrando destacar entre máis de 500 candidaturas de todo o mundo. A empresa engaiolou ao xurado coa súa plataforma de análise de datos para a industria da música en directo, que axuda tanto a promotores como artistas a reducir o risco financeiro dos eventos mediante a predición da venda de entradas e a rendibilidade a través da análise de datos de redes sociais, plataformas de streaming e eventos previos.
Creado especificamente para a industria dos eventos musicais en vivo, Breakevent, fundada pola galega Lucía Martínez Prado, ofrece predicións sobre o aforo óptimo, o prezo das entradas e o rendemento dos artistas. Todo iso, apoiado por un asistente conversacional de IA que traduce datos complexos en suxestións prácticas para a planificación.
A compañía xa conta co respaldo de Warner Music Group e outros actores relevantes do sector, e, segundo o xurado do certame, “avanza con forza mediante un modelo de subscrición”. Entre os seus clientes atópanse Never Say Never, Festival Río Babel e Granca Live Fest.

Aínda que Breakevent brillou como finalista, a gañadora do xurado do Global MediaTech Pitch Day foi a surcoreana Inshorts, recoñecida pola súa tecnoloxía de Intelixencia Artificial detrás de BTS Movie Weeks e as súas colaboracións con Bong Joon-ho, director gañador do Óscar por Parasitos.
A startup de orixe galega Breakevent, finalista do Global MediaTech Pitch Day
Compartir Este Artigo

