Do 13 ao 17 de outubro tiña lugar en Dubái unha das feiras tecnóxicas máis importantes a nivel internacional, trátase de Gitex Global. Alí estiveron o Clúster TIC Galicia e as súas empresas socias cun resultado moi positivo da súa participación. CTL, Situm, Quobis, 2bedigital, Inverbis Analytics e Tarlogic, as seis compañías presentes no evento ao abeiro da entidade, coinciden en salientar o alto nivel de oportunidades xeradas, tanto en termos de negocio como de posicionamento estratéxico en mercados clave como Oriente Medio e África.
Valoran esta experiencia como un impulso para a súa internacionalización e expansión na rexión Europa, Oriente Próximo e África (EMEA) tras o fortalecemento de alianzas e a apertura de novas canles de distribución. “A nosa intención en Gitex Global era achegarnos á zona de Oriente Medio e África”, sinala Maruxa Ledo, general manager de CTL. E o seu paso pola feira foi máis que satisfactorio: “Asinamos un contrato cun dos distribuidores máis importantes de EMEA, polo que o noso obxectivo é comezar a distribuír nos vindeiros días na zona”.
Dende Situm, o seu vicepresidente e cofundador, Gregory Botanes, afirma que o evento foi un escaparate perfecto para presentar os progresos de GAIA (Geospatial Assistance for Intelligent Acknowledgment), unha solución que busca transformar a xestión da información xeoespacial en interiores, mellorando a eficiencia operativa e a experiencia dos usuarios en grandes edificios.
Pola súa banda, Quobis aproveitou a súa presenza na feira para presentar as súas solucións de ciberseguridade en redes de voz e xestionar problemas como o spam telefónico, as estafas e fraudes ou a suplantación de identidade. “Captamos o interese dalgúns operadores do Golfo, ademais de identificar boas oportunidades de distribuidores”, destaca Iago Soto, CEO da empresa.
Pablo Borrás, CEO & Founder de 2bedigital cualifica o seu paso por Gitex Global como “todo un éxito”. “Mantivemos máis de 25 reunións con empresas de distintos sectores -especialmente do retail e axencias de relacións públicas- interesadas nos nosos servizos de performance márketing e en solucións tecnolóxicas como Click2Try e Boostic”, revela.
Gonzalo Martín, CEO de Inverbis Analytics, asegura que foi unha oportunidade perfecta para consolidar o contacto cos leads abertos en Emiratos e asegurar a súa continuidade. “Mantivemos reunións con potenciais partners e clientes en Dubái, Abu Dabi e Arabia Saudita, profundando no coñecemento do sistema sanitario local. Regresamos coas bases para despregar unha rede de proximidade ao cliente e un modelo de soporte rexional”, declara.
Tarlogic coincide co resto de firmas en que a súa participación en Gitex Dubái marcou un “punto de inflexión” na súa estratexia na rexión de Middle East. “Durante o evento, puidemos manter encontros con novos partners e clientes estratéxicos”, sinalan desde a compañía, o que lles permite fortalecer a súa presenza e ampliar os seus servizos neste mercado clave.
O Clúster TIC e as súas empresas socias participan activamente na feira tecnolóxica Gitex Global en Dubái
Compartir Este Artigo

