A Concellería de Servizos Sociais de Vilagarcía organiza este mes unha actividade para concienciar aos adolescentes sobre o uso responsable de Internet e as redes sociais. Será a proposta de lecer Desafío Dixital: apaga e xoga, un scape room que se celebrará o 12 de decembro na praza da Peixería. A actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos do Concello de Vilagarcía.
O prazo de inscrición remata o 8 de decembro. As familias interesadas en participar deberán presentar unha instancia xeral no Concello ou facer o mesmo trámite pola sede electrónica de Vilagarcía.
Con esta acción, búscase “crear un espazo educativo, preventivo e participativo no que a mocidade reflexione sobre o uso que fan da tecnoloxía, así coma recoñecer os riscos asociados ao abuso dixital e adquirir as ferramentas prácticas necesarias para mellorar o seu benestar emocional e social na Rede”, explicou o Concello.
A actividade está organizada en dúas quendas: para nenos de 12 a 14 anos (máximo 20 persoas) de 16:30h-18:00h; e de 14 a 16 anos (máximo 20 persoas) de 18:30h- 20:00h. A actividade será impartida por catro educadoras sociais do Concello, que recibirán aos participantes, dividiranos en grupos e explicaranlle o funcionamento. Será un circuíto conformado por seis probas, por exemplo, Alerta Red Flag, que consistirá en identificar comportamentos nocivos na rede. O grupo que consiga realizar todas as probas no menor tempo posible recibirá un premio.
Para calquera dúbida, as persoas interesadas poden dirixirse directamente ao Centro de Servizos Sociais municipal.
Vilagarcía acollerá un scape room para concienciar aos adolescentes sobre o uso responsable de Internet
Compartir Este Artigo

