A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou este venres 2 de xaneiro o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa, onde destacou que este mes de xaneiro comezarán a asesorarse os 15 proxectos seleccionados no marco da aceleradora de economía social Xunta Impulsa, que acollerá precisamente o Polo arousán.
Trátase dunha iniciativa de formación e asesoramento que se completará con sesións de mentoring especializado e que está enmarcada no proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal e co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Destacando a variedade das iniciativas elixidas, Mariño sinalou que proceden de toda Galicia e que predominan as do ámbito educativo ou cultural, así como as que dan protagonismo ao rural e á natureza no eido da produción agroalimentaria, da gastronomía, do ocio ou da cosmética. Tamén están representadas as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o deporte e o benestar.
Segundo apuntou a directora xeral, a aceleradora de economía social desenvolverase deica o mes de abril, tanto con sesións presenciais no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa como con outras telemáticas, para culminar nun acto final de posta en valor dos proxectos e dos avances acadados grazas ás sinerxías xeradas entre as distintas persoas participantes.
A representante autonómica aproveitou a visita —na que tamén estivo o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán— para poñer de relevo o labor do Polo vilanovés, salientando que, desde a súa posta en marcha en novembro de 2024, ten atendido uns 270 proxectos e promovido a creación de preto dunha vintena de empresas. Todo no marco das máis de 5.300 iniciativas asesoradas no conxunto dos 15 Polos repartidos por toda Galicia.
Así, o equipo técnico do centro vilanovés realizou unhas 650 sesións de titoría gratuítas e individualizadas co gallo de dar resposta ás persoas emprendedoras que acudiron ás instalacións (un 55 % delas, mulleres), adaptándose ás fases concretas dos seus proxectos. Nese senso, cómpre destacar que máis dun terzo se encontraba na fase de definición do modelo de negocio.
As TIC estarán presentes na aceleradora de economía social Xunta Impulsa
Compartir Este Artigo

