A Deputación de Pontevedra leva este venres 23 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello da Guarda da man do espectáculo de humor Enredada, a cargo de Leti da Taberna. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O monólogo de humor Enredada representarase no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda ás 21:00 horas. Nel, Leti da Taberna explorará a relación das persoas coas redes sociais e como estas inflúen no día a día. A propia Leticia Miraz, taberneira “de nacemento” e con formación sociosanitaria, fíxose popular a raíz de comezar a publicar contidos en TikTok en 2020. O obxectivo deste espectáculo é “provocar que os espectadores se vexan reflectidos coas situacións que presenta para que acaben rindo de si mesmos”.
Leti da Taberna acumula a día de hoxe decenas de miles de seguidoras nas redes sociais, converténdose nunha “taberneira virtual”. Utiliza a retranca para realizar crítica social.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
Leti da Taberna leva á Guarda este venres o seu espectáculo Enredada
Compartir Este Artigo

