Spotify alcanzou un novo máximo histórico ao superar por primeira vez os 750 millóns de usuarios activos mensuais. En concreto, a plataforma de audio pechou o cuarto trimestre de 2025 con 751 millóns de usuarios, o que supón un incremento interanual do 11 % e un forte avance fronte aos 713 millóns rexistrados no trimestre anterior.
Os resultados financeiros publicados hoxe tamén reflicten unha evolución positiva no negocio de subscrición. O número de usuarios Premium medrou un 10 % respecto ao ano anterior, ata situarse nos 290 millóns. Europa continúa a ser o principal mercado da compañía sueca neste segmento, concentrando o 36 % dos subscritores de pago, seguida de América do Norte, cun 25 %.
A empresa atribúe este crecemento sostido a varios factores, entre eles a aposta pola innovación tecnolóxica e pola intelixencia artificial. O coCEO de Spotify, Gustav Söderström, asegurou que a compañía se ve a si mesma como «o departamento de I+D da industria musical», cun papel clave á hora de comprender rapidamente as novas tecnoloxías e aproveitar o seu potencial. Segundo explicou, o actual cambio de paradigma arredor da IA beneficiará a todo o sector, aínda que considera que as empresas que actúen con maior rapidez serán as máis favorecidas. A finais de 2025, Spotify xa anunciara a súa intención de reducir contidos xerados por IA de baixa calidade e priorizar ferramentas de intelixencia artificial centradas nos artistas, aínda que sen concretar medidas específicas.
O exercicio pechouse tamén cun balance financeiro sólido. Os ingresos totais do cuarto trimestre ascenderon a 4.500 millóns de euros, un 13 % máis en termos interanuais a moeda constante. A marxe bruta mellorou ata o 33,1 %, mentres que o beneficio operativo alcanzou os 701 millóns de euros. Segundo a compañía, este período foi o que rexistrou o maior incremento neto de usuarios mensuais da súa historia.
Desde a dirección, Daniel Ek, fundador e presidente executivo, destacou que Spotify xa non é só unha plataforma musical, senón unha infraestrutura tecnolóxica para o audio e, cada vez máis, para todas as formas nas que os creadores se relacionan coas súas audiencias. Pola súa banda, Alex Norström, tamén coCEO, sinalou que 2025 foi o «ano da execución acelerada» e que 2026 será concibido internamente como o «ano de elevar a ambición».
Outro dos fitos do exercicio foi o éxito da última edición de Spotify Wrapped. A campaña de balance anual acadou máis de 300 millóns de usuarios implicados e xerou máis de 630 millóns de compartidos en redes sociais, en 56 linguas, converténdose, segundo a compañía, na máis grande ata o de agora.
Ao longo de 2025, Spotify asegura ter pagado máis de 11.000 millóns de dólares á industria musical, a maior cifra anual abonada por un distribuidor dixital, coa metade das regalías destinadas a artistas e selos independentes. Ademais, a plataforma continúa a expandir o seu ecosistema máis alá da música, con avances en podcasts, audiolibros e vídeo, reforzando a súa estratexia de diversificación e crecemento global.
Spotify supera os 750 millóns de usuarios mensuais
Compartir Este Artigo

