Splatoon Raiders, o novo xogo de acción e disparos da franquía Splatoon, estará dispoñible en exclusiva para Nintendo Switch 2 a partir do 23 de xullo. Aínda que centrado na experiencia para un xogador, o xogo permite cooperar con ata catro participantes (a través da Internet ou mediante comunicación sen fíos local) para explorar illas, buscar tesouros e facer fronte a numerosas vagas de inimigos.
A aventura sitúa os xogadores nas misteriosas illas Espiralita, onde, tras un accidente, asumirán o papel dun mecanista que deberá colaborar co Clan Surimi para regresar a casa. O grupo, formado por tres músicos aventureiros, percorrerá as illas na procura de valiosos botíns mentres combate os salmónidos que infestan a zona. Un dos membros do clan poderá pilotar o explorabot, unha máquina capaz de escavar para descubrir tesouros e eliminar inimigos coa súa técnica especial.
A exploración permitirá reunir armas, ferramentas e outros obxectos que poderán trasladarse á base flotante do xogador. Estes recursos servirán para mellorar tanto o equipamento como as propias instalacións da base antes de emprender novas expedicións contra adversarios máis poderosos, que recompensarán o esforzo con botíns de maior valor.
O arsenal inclúe numerosos trebellos deseñados para adaptarse aos distintos estilos de combate asociados a cada tanque de tinta. Entre eles figuran o arremetacha do potentanque para abrirse paso entre os salmónidos, a botabomba do velotanque para esquivar situacións de perigo ou a robocerola do tactitanque para facer fronte aos inimigos que atacan a curta distancia.
Coincidindo co lanzamento do xogo, Nintendo tamén porá á venda uns novos mandos Joy-Con 2 con cores inspiradas no Clan Surimi, así como figuras amiibo de Megan, Angie e Rayan coas súas novas aparencias.
Como complemento ao novo título, os seguidores da saga poden coñecer os acontecementos previos á historia a través de Desventuras a mares co Clan Surimi, o cómic oficial que serve de precuela e que está dispoñible en exclusiva mediante a aplicación móbil Nintendo Today! dispoñible para iOS e para Android.
Tráiler do xogo

