
En plena crise de reputación tras o anuncio de que en 2028 non se publicarán novos xogos de PlayStation en Blu-ray, os servizos en liña da plataforma de xogo de Sony deixaron de estar operativos durante varias horas, impedindo a numerosos usuarios iniciar xogos dixitais, acceder á PlayStation Store ou utilizar funcións en liña en consolas PS5, PS4, PS3 e PS Vita, reavivando o debate sobre as bondades dos formatos físicos.
A páxina oficial de estado do servizo de Sony confirma que todos os sistemas volven estar operativos, aínda que durante a fase inicial da recuperación advertiu de posibles dificultades puntuais para acceder á PlayStation Store. A empresa non explicou cal foi a causa da incidencia.
A interrupción coincidiu cunha alerta de Amazon Web Services (AWS), que informou de problemas de conectividade en varios servidores da rexión US-WEST-2. Aínda que AWS asegurou pouco despois que a incidencia quedara resolta, os problemas en PlayStation Network prolongáronse durante varias horas e afectaron tamén usuarios doutros países.
Durante o tempo que durou a caída, Sony advertía na súa páxina de estado de que os xogadores podían experimentar dificultades para iniciar xogos, aplicacións e funcións de rede, ademais de problemas na xestión de contas, na compra de contidos dixitais, nos servizos de streaming e na tenda en liña.
A incidencia produciuse coincidindo co inicio da beta aberta de Marvel Tōkon: Fighting Souls, o novo título exclusivo para consolas PlayStation editado por Sony. Os seus responsables chegaron a recoñecer os problemas que afectaban aos xogadores de PS5, mentres que o campionato de EA Sports FC 26 da Esports World Cup tamén sufriu atrasos debido á indispoñibilidade da rede.

