
A Xunta financia a través do programa Nexos un proxecto de I+D+i destinado a dixitalizar a trazabilidade do viño e crear un contorno tecnolóxico avanzado que abarque todo o ciclo produtivo, desde o cultivo da uva ata a chegada do viño ao consumidor. A iniciativa tamén contempla mellorar a eficiencia mediante a creación dun xemelgo dixital dunha adega.
O proxecto Vitecgal conta cun investimento superior aos 750.000 euros, do que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP achega o 60 %. O obxectivo é modernizar e optimizar a toma de decisións no sector vitivinícola. Durante unha visita á Cooperativa Vitivinícola Arousana (Adega Paco&Lola), que lidera a iniciativa, o conselleiro Román Rodríguez destacou que se trata dun exemplo da calidade e do nivel da I+D+i galega, «que está contribuíndo á transformación dixital do sector vitivinícola galego».
No proxecto participan empresas galegas e doutros países, investigadores e centros tecnolóxicos. Xunto coa Cooperativa Vitivinícola Arousana, integrada na denominación de orixe Rías Baixas, os principais socios son Alia Technologies S.L., empresa ourensá especializada en solucións dixitais e sistemas de xestión avanzada, e Inelsa Electricidad S.L., firma de Sanxenxo que achega a súa experiencia en sensorización e eficiencia enerxética.
O conselleiro de Ciencia, acompañado polo alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, polo presidente da Cooperativa Vitivinícola Arousana, Carlos Carrión, e por responsables de I+D+i da iniciativa, salientou a capacidade do ecosistema galego de innovación para desenvolver proxectos punteiros destinados a optimizar o sector vitivinícola. Segundo explicou, os resultados poderán converterse en modelos «exportables» a outras comunidades ou países.
Román Rodríguez sinalou tamén que o programa Nexos facilita que «empresas, centros tecnolóxicos e universidades traballen conxuntamente para sacar adiante iniciativas coma esta, que poñen de manifesto o potencial da innovación feita en Galicia». Engadiu que o programa apoia «o talento, a capacidade innovadora e o liderado das empresas galegas de primeiro nivel», recoñecendo o seu papel no desenvolvemento económico e na cohesión social.
Calidade, sustentabilidade e competitividade

Vitecgal desenvolverá unha plataforma integral para optimizar todo o ciclo vitivinícola, desde o viñedo ata o consumidor, mediante fabricación intelixente, tecnoloxías avanzadas, análise e toma de decisións baseada en datos, intelixencia artificial e eficiencia enerxética. «Con todos estes ingredientes, este proxecto permitirá que mellore a calidade, a sustentabilidade e a competitividade do viño galego», afirmou Román Rodríguez.
A trazabilidade, ademais de constituír un requisito administrativo, representa un activo comercial. Coñecer a parcela de procedencia de cada partida, as condicións da vendima e a evolución do produto na adega permite garantir a calidade, reaccionar con maior rapidez ante posibles incidencias e ofrecer información sobre a historia do viño a partir de datos.
A monitorización do viñedo permitirá coñecer en tempo real o estado das vides e optimizar os tratamentos fitosanitarios, co obxectivo de incrementar o rendemento da colleita. A trazabilidade dixital tamén permitirá garantir a autenticidade do proceso, mentres que a incorporación dun xemelgo dixital da adega e a realización de auditorías de eficiencia enerxética contribuirán a reducir o consumo e a pegada de carbono, ademais de facilitar o cumprimento de certificacións internacionais.
Colaboradores portugueses e franceses

Entre os colaboradores de Vitecgal figuran DataColab, empresa portuguesa especializada en Internet das cousas (IoT), trazabilidade e análise avanzada de datos; IDIMPA 29 S.L., con experiencia en xestión tecnolóxica e de negocio; o Grupo MODES CITIC-UDC, especializado en intelixencia artificial, algoritmia estatística e modelos preditivos; KentYou, empresa francesa especializada no desenvolvemento de xemelgos dixitais, e Diego Arias Mourelle, profesional tecnolóxico vinculado aos ámbitos da sanidade, a saúde pública e a seguridade alimentaria.
O programa Nexos da Xunta de Galicia, financiado con fondos europeos, conta cunha dotación de 22,6 millóns de euros para o período 2026-2028 e apoia o desenvolvemento de 37 proxectos nos que participan 138 empresas en ámbitos considerados estratéxicos para Galicia.

