
Hai un par de anos o estudio chinés Game Science sorprendeu ao mundo co xogo Black Myth: Wukong, que se converteu nun dos meirandes éxitos para PS5 e PC (a versión para Xbox Series X|S chegaría máis tarde) e incluso recibiu foi un dos grandes gañadores dos Premios Steam 2024 (onde conquistou o título de mellor Xogo do Ano).
Tras este éxito era evidente que non ían deixar a oportunidade de lanzar unha secuela, Black Myth: Zhong Kui, do que pouco se sabía, e dende Game Science quixeron dar a coñecer as súas intencións con esta produción dun xeito rotundo: publicando un tráiler do xogo no que durante 15 minutos podemos coñecer detalles do novo protagonista, o sistema de combate e o mundo no que se desenvolvera a aventura… sen que no vídeo se diga unha soa palabra!

O protagonista chega a unha praia e atopa un ancián nunha cova. Ambos intentan abandonar a zona nunha balsa, pero unha enorme onda destrúea. Pouco despois, o protagonista enfróntase a varios inimigos mentres leva o ancián ás costas e derrota un adversario de maior tamaño mediante esquivas, paradas e ataques coa espada. Tras o combate, o ancián parece morrer, pero transfórmase nun conxunto de follas que foxen, polo que o protagonista decide seguilas.
As follas conducen o protagonista ata un lago, onde atopa o corpo dunha muller. Antes de poder achegarse a ela, varias criaturas obrígano a saír da auga e debe enfrontarse a un poderoso ser alado. Durante o combate, un misterioso aliado intervén para axudalo, mentres as follas se unen ao xefe. O protagonista tamén emprega ataques elementais, primeiro con lume e despois con electricidade, e chega a adoptar unha forma potenciada que lle permite realizar paradas especialmente contundentes.
Tras derrotar o xefe, este intenta regresar ao lago, pero a muller que permanecía na auga reaparece cun aspecto demoníaco, atácao e arrástrao cara ao fondo. O tráiler remata con escenas doutros momentos da aventura, entre elas unha na que o protagonista toca instrumentos xunto a un grupo de esqueletos, e outra na que percorre o mundo a lombos dun animal semellante a un tigre.
A ausencia de diálogos e textos no vídeo fai que a historia e a identidade do protagonista se manteñan rodeadas dunha aura de misterio que irá alimentando o interese por un xogo que os seus responsables aseguran que aínda está nunha fase temperá do seu desenvolvemento.

