
Anker presentou MindBase, un novo centro doméstico deseñado para centralizar o control da vivenda intelixente, executar funcións de intelixencia artificial de forma local e almacenar ficheiros, fotografías e vídeos. O dispositivo está pensado para funcionar con preto de 100 produtos de Anker e con dispositivos compatibles con Matter doutras marcas, ademais de integrarse con HomeKit.
MindBase incorpora unha tarxeta de computación AI Core e o axente TrueSmart AI Agent, desenvolvido por Anker, que permite procesar localmente determinadas funcións de intelixencia artificial. Apostan así por evitar que os datos asociados ás cámaras e outros dispositivos teñan que saír do fogar para determinadas tarefas.
A capacidade de almacenamento chega ata os 48 TB mediante unidades instaladas localmente. O dispositivo conta cun SSD de 64 GB e dous compartimentos compatibles con discos de 2,5 e 3,5 polgadas, polo que tamén pode utilizarse como un NAS para gardar ficheiros, fotografías e vídeos.
MindBase funciona como controlador Matter 1.5 e admite máis de 40 categorías de dispositivos compatibles con este estándar, entre elas iluminación, sensores e sistemas HVAC. A conectividade inclúe Wi-Fi de dobre banda, Bluetooth, Thread e Zigbee. Tamén é compatible con HomeKit Secure Video e pode conectarse a Amazon Alexa, Google Home e Home Assistant.
O sistema admite ata 16 cámaras sen fíos, catro cámaras conectadas por cable e 34 sensores. Entre os novos dispositivos presentados figura o Smart Security Shield, un sensor con radar dual de 180 graos capaz de detectar movementos a unha distancia de ata 15 metros. O sistema tamén pode utilizar credenciais dixitais almacenadas nos teléfonos dos membros do fogar para identificar familiares e persoas coñecidas e reducir as falsas alertas.
A videovixilancia é unha das primeiras aplicacións da IA integrada. MindBase pode analizar os acontecementos en tempo real e ofrecer funcións como busca mediante linguaxe natural nas gravacións, resumos dos eventos e alertas intelixentes baseadas no recoñecemento de rostros, persoas, vehículos, mascotas ou descoñecidos. Estas funcións execútanse localmente e non requiren unha subscrición mensual.
A proposta complétase con novas cámaras como TrackLight Cam S1, unha cámara 4K con seguimento automático, iluminación orientable e detección mediante radar dual de 180 graos, e o vídeo porteiro Eufy Video Doorbell S4. Tamén se anunciou a Window Camera E10 e outros sensores destinados á seguridade do fogar.
Cando a IA detecta unha posible ameaza, MindBase pode reaccionar modificando a iluminación, emitindo avisos de voz ou activando mecanismos de disuasión. O sistema tamén poderá incorporar no futuro axentes especializados noutras tarefas domésticas, como a xestión do consumo enerxético ou o control dos robots aspiradores.
