
Está previsto que Apple presente o seu smartphone encartable o vindeiro día 9, e para non ser menos e deixar claro que eles estaban antes nese mercado, dende Xiaomi están a presentar na feira IFA de Berlín o Xiaomi 18 Fold, que chegará ao mercado chinés o vindeiro día 7.
Este novo smartphone non só replica o formato pasaporte do Samsung Galaxy Fold8 e do futuro iPhone Ultra, senón que tamén presume dun procesador Xiaomi XRING 03, que será un dos SoC líderes nos vindeiros meses, asegurando o fabricante que conseguiu unha puntuación de AnTuTu superior aos 5,22 millóns, mentres que con Geekbench 6.5 conseguiría unha puntuación de 3.945 para un núcleo e 15.221 para multinúcleo, á vez que tamén contaría cun gran desempeño gráfico e de IA.

Queda por ver se desta volta Xiaomi venderá o seu novo encartable internacionalmente, xa que os modelos anteriores non saíron da China. Nesta ocasión falamos dun dispositivo con pantalla exterior de 5,38 polgadas, pantalla interior de 7,58 polgadas, cámaras desenvolvidas en colaboración con Leica e un rechamante acabado en cor vermella. Pero non semella que Xiaomi poida conseguir que o produto vaia ter un prezo o suficientemente axustado como para que o consumidores occidentais aposten por un produto deste tipo da súa marca.
