
LEGO presentou o seu primeiro set inspirado na PlayStation, unha recreación da consola orixinal de Sony que combina unha réplica a escala case 1:1 con elementos interactivos e pequenas escenas dedicadas a dous dos xogos máis emblemáticos da plataforma.
O set LEGO PlayStation (72306) está formado por 1.911 pezas e foi deseñado para construtores maiores de 18 anos. A réplica da consola mide máis de 6 centímetros de alto, 26 de ancho e 19 de fondo, e reproduce o característico deseño gris da PlayStation orixinal xunto co seu primeiro mando.

Entre os detalles incluídos están os botóns funcionais Open e Power, así como un mando que pode conectarse fisicamente á consola construída con pezas LEGO. A intención é reproducir tamén parte do ritual de uso da máquina dos anos 90, desde conectar o mando ata abrir a unidade.

O interior da consola agocha dúas pequenas dioramas inspiradas en Gran Turismo e Ape Escape. A primeira recrea un circuíto do xogo publicado orixinalmente en 1997, con pequenos vehículos preparados para competir. A segunda representa unha escena de Ape Escape, lanzado en 1999, e inclúe o característico casco de mono en cor vermella ou azul. As dúas escenas poden gardarse no interior da consola ou extraerse para exhibilas xunto á réplica.
A LEGO PlayStation terá un prezo recomendado de 159,99 euros e estará dispoñible para os membros de LEGO Insiders desde o 1 de outubro, antes da súa chegada ao público xeral o 4 de outubro.

