
A Casa Branca lanzou Arcade.gov, unha colección de minixogos para navegador que converten en mecánicas de videoxogo algunhas das principais políticas de Donald Trump, entre elas a inmigración, a alimentación escolar e as novas Trump Accounts. Sobre dicir que a recepción desta nova páxina web foi extraordinariamente negativa, principalmente por converter xogos queridos en creacións racistas.

O título máis polémico é Build the Wall: Zombie Border Siege, unha versión de Tetris na que o xogador debe encaixar pezas para construír un muro na fronteira sur e impedir o paso dunha horda de zombis. The Tetris Company desvinculouse do proxecto e asegurou que non autorizou nin licenciou o uso da súa marca ou propiedade intelectual. «Cremos no poder da conexión e en unir as persoas, non en dividilas», sinalou.
Rio Run adapta a mecánica de Snake para representar a deportación de migrantes, mentres que Flappy Bill parodia Flappy Bird e Supply Line recupera elementos de Tapper para abordar a alimentación escolar. Trump Savings Tycoon céntrase nas Trump Accounts mediante a recollida de billetes e moedas virtuais.
A iniciativa utiliza tamén referencias visuais a PlayStation 2, Xbox 360, Nintendo GameCube e Sega. Nintendo, Xbox, Sega e Flappy Bird Foundation Group figuran entre as compañías cuxa propiedade intelectual foi empregada nos materiais, aínda que inicialmente non responderon ás peticións de comentarios.
O lanzamento continúa a estratexia da Administración Trump de empregar videoxogos e referencias da cultura popular para difundir mensaxes políticas, unha práctica que xa provocou conflitos por dereitos de autor con artistas e empresas do sector.
ACTUALIZACIÓN (8-9-2026): O xogo clon de Tetris foi eliminado de Arcade.gov, descoñecéndose se respondeu a unha petición formal por parte de The Tetris Company, ou simplemente anticipándose á mesma. Pero o departamento de comunicación de Trump non parece ter aprendido a lección, e tamén está a vulnerar propiedade intelectual allea para difundir mensaxes xenófobas, como ao presentar a Trump como un Lanterna Verde que aproveita o seu anel de poder para construír un muro fronteirizo. Nesta ocasión non só vulneran o copyright de DC (Warner), senón que tamén omiten etiquetar o contido como xerado por IA.
ACTUALIZACIÓN (9-9-2026): Dende o equipo de comunicación da Administración Trump seguen teimando na vulneración da propiedade intelectual allea, e agora ousan deturpar a imaxe dun clásico de Nintendo, aínda que desta volta, cando menos, non engaden mensaxes racistas ou xenófobas que poderían forzar á compañía nipoa a emprender accións legais para pedir a retirada do material.

