
A empresa Tecniart Galicia (Argalla), con sede en Chantada, vén de lanzar na tenda de Google Play unha aplicación de balde que nos axuda coa nosa medicación, a xeito de recordatorio de cada toma e pastilleiro en liña. Trátase dunha ferramenta concibida para persoas maiores e, tamén, para quen coida delas. Trátase de Midosis e está dispoñible, como dixemos, para dispositivos con Android.
Dende Tecniart destacan que a app non ten permiso de Internet e que os datos de saúde non poden saír do móbil, achegando unha base de datos cifrada no propio teléfono. “Non hai conta, nin anuncios nin límite de medicamentos”, sinalan, engadindo que incorpora alarma a pantalla completa, sete tipos de pauta (ciclos con descanso, cada tantas horas, día do mes…), control de existencias, historial exportable a CSV para levar ao médico e unha pantalla de fiabilidade que dispara unha alarma real de proba para que cada quen confirme que vai soar no seu móbil.
A ferramenta está en castelán e inglés, sendo o galego o seguinte paso do equipo de desenvolvemento. Ten ademais como punto destacado o feito de ser gratuíta, posicionándose como unha alternativa relevante a ferramentas dominantes de pago que cobran subscrición. A maiores, non ten límite de medicamentos nin anuncios nin conta.
MiDosis lembra cada toma de medicación con alarmas que soan de verdade —tamén co móbil bloqueado e en aforro de enerxía— e garda o historial cifrado dentro do teléfono, sen conta, sen anuncios e sen conexión a Internet.
O historial médico gárdase con SQLCipher (AES-256) e a clave vive no almacén seguro do teléfono, sen nube (a copia de seguridade é un ficheiro que exporta o propio usuario).
Na empresa lembran que “as aplicacións de recordatorio de medicación teñen dous problemas coñecidos. O primeiro é de confianza: piden conta, meten publicidade ou envían datos de saúde a servidores. O segundo é de fiabilidade: Android e as capas dos fabricantes silencian alarmas para aforrar batería, e o usuario descóbreo cando xa perdeu unha toma”. Neste senso, a ferramenta galega ataca os ditos dous problemas: o de confianza, por deseño (sen permiso da internet non hai nada que prometer) e o de fiabilidade, con enxeñería e con honestidade (unha pantalla de diagnóstico revisa os axustes que poden silenciar un aviso, guía para corrixilos un a un e permite disparar unha alarma real de proba para comprobalo nese móbil concreto).
Argalla (Tecnoloxía con Enxeño) é unha empresa tecnolóxica de Chantada (Lugo) que desenvolve aplicacións e software a medida. MiDosis é a súa aposta polo coidado das persoas maiores desde o rural galego: tecnoloxía útil, sen peaxes de datos. Argalla é a marca comercial de Tecniart Galicia.

