
A Zona Franca de Vigo inaugurou hoxe no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, catorce novas naves. O acto contou coa asistencia de máis de 150 persoas do ámbito institucional, empresarial e social da área de Vigo.
O evento, amenizado pola Banda Agrupación Musical de Matamá e do grupo A Boa Vida, contou coa presenza do delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; do subdelegado na provincia, Abel Losada; así como dos alcaldes de Nigrán, Gondomar e Vigo, Juan González, Francisco Ferreira e Abel Caballero, ademais de responsables e traballadores das empresas das naves e do resto de compañías instaladas no Porto do Molle.
Previamente ao acto de inauguración, os representantes institucionais realizaron unha visita previa ás sedes das firmas tecnolóxicas Kreios Space, EGATEL e Nort3D, tres das doce empresas instaladas, onde departiron cos seus responsables e o seu persoal.
O evento tamén incluíu a plantación dun camelio nun dos xardíns con céspede e flores do recinto.
Na súa intervención, o delegado do Estado mostrou “o gran orgullo que temos na Zona Franca porque estas catorce naves modulares representan de forma moi clara o estilo dos equipamentos que poñemos ao dispor do tecido empresarial: naves e oficinas dun deseño avanzado, innovadoras, eficientes e sostibles”.
Regades agradeceu ás empresas da área de Vigo e Galicia o “gran interese que mostraron para poder trasladarse a traballar a un parque como Porto do Molle, tanto, que practicamente cando terminamos as obras, as naves e oficinas xa tiñan moito candidatos”.
A CEO e cofundadora de UARX Space, Yanina Hallak, que interveu como responsable dunhas das empresas referentes do parque empresarial, sinalou que “desenvolver un proxecto tecnolóxico no parque do Porto do Molle é un privilexio de poucos. Hallak recibiu felicitacións no acto tras confirmarse que comezou a conta atrás para OSSIE, que xa está instalado no vehículo de lanzamento co que viaxará ao espazo e só queda por confirmar a data. OSSIE é o primeiro vehículo de transferencia orbital fabricado en España (no Porto do Molle) e con tecnoloxía que só dispoñen outros 5 fabricantes no mundo.
Pola súa banda, o delegado do Gobeerno en Galicia, Pedro Blanco, destaco que o novo complexo empresarial “representa un novo paso na transformación económica de Vigo e da súa comarca”, ao crear un espazo con capacidade para atraer investimentos, xerar emprego cualificado e impulsar sectores estratéxicos como o aeroespacial.
Finalmente, Abel Caballero, como presidente da Zona Franca e alcalde de Vigo, destacou que “estas catorce naves son moito máis que novos espazos empresariais: son industria, innovación, emprego de calidade e futuro para Vigo e toda a súa área”.
As novas naves
O complexo das catorce novas naves nas parcelas 6.02 e 6.03 do Porto do Molle tivo un orzamento de 11.527.544,55 euros, financiado integramente polo Consorcio. As naves son modulares e érguense nun recinto de 11.070,47 m2 de superficie construída total. Dispoñen de 10 metros de altura de naves con 8 de altura libre interior e contan coa certificación enerxética A. O recinto conta tamén con 67 prazas de aparcamento, 5 delas adaptadas, e dispón de 2 prazas de recarga eléctrica desde paneis fotovoltaicos.
O arquitecto responsable do proxecto, Pablo Menéndez Paz, expuxo a construción dun complexo empresarial e industrial nas que convivisen naves, talleres e oficinas. O obxectivo, dixo, “foi preservar a integridade dunha gran instalación industrial e o seu programa, e simultaneamente proporcionar unha contorna luminosa, optimista e atractivo achegando un valor engadido ás empresas usuarias e os seus visitantes”.
As empresas
As doce compañías que acolle o novo recinto no Porto do Molle teñen como factor común a innovación, sendo nalgúns casos referencias nacionais e internacionais na súa actividade. É o caso de Kreios Space, Alén Space, ou CENTUM, por exemplo, con numerosos recoñecementos no sector aeroespacial e aeronáutico; EGATEL, compañía tecnolóxica de fabricación electrónica avanzada, ou Nort3D, especializada en tecnoloxía 3D. Tamén están instaladas Hinvengrup, enfocada ao desenvolvemento de novas tecnoloxías para a automoción e o sector industrial; Kercus Cientific para distribución de equipamento médico e produtos sanitarios en materia veterinaria; Ecoafrik, de apoio e protección á biodiversidade e hábitos mariños de África; TETSUPREC, empresa de mecanizado industrial; Fish Factory con marcas como La Curiosa ou Luliña, dedicada á comercialización de conserva de peixe e mariscos; Diverso Laundry, empresa de servizos de auto lavandería e tinturería; e Bracken Bridge, de deseño, patronaxe, corte, confección e showroom, cun enfoque sostible e dixital.

