
Red.es, entidade adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública (a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e IA) puxo en marcha a 1ª Semana da IA na rede de Oficinas Acelera Peme, unha iniciativa desenvolvida en coordinación coa rede de oficinas e que ten como obxectivo principal “visibilizar a aplicación real e práctica da intelixencia artificial no tecido empresarial de todo o ámbito estatal”. Neste marco, Galicia súmase ao programa cunha ducia de actividades.
A Semana da IA na rede de Oficinas Acelera Peme celebrarase do 21 ao 24 de setembro. Durante estas xornadas, achegaranse os conceptos clave desta tecnoloxía ás pequenas e medianas empresas promovendo a adopción de novas ferramentas para mellorar a súa competitividade e garantindo un uso consciente, ético e seguro conforme ao marco xurídico aplicable
A través dunha programación distribuída por todo o territorio nacional, a Semana da IA na rede de Oficinas Acelera Peme permitirá a miles de empresas coñecer casos de éxito, aplicacións reais e solucións adaptadas ás súas necesidades.
Galicia súmase á Semana da IA con 12 actividades
Catro das Oficinas Acelera Peme de Galicia serán as encargadas de impulsar unha programación composta por 12 actividades, mediante xornadas de sensibilización, obradoiros prácticos, seminarios en liña, sesións de asesoramento e diagnóstico, así como encontros con expertos que permitirán ás pemes comprender como integrar a IA en áreas clave do seu negocio. Entre as temáticas previstas destacan a produtividade e eficiencia empresarial, a automatización de procesos, a mercadotecnia e as vendas, a análise de datos, a estratexia dixital, a IA segura ou as aplicacións sectoriais desta tecnoloxía.
Á iniciativa uníronse 54 Oficinas Acelera Peme de toda España, que desenvolverán durante a semana un total de 146 actividades relacionadas coa intelixencia artificial.
Toda a información que precisemos sobre a axenda témola na web de Acelera Peme.
Impulsar a competitividade das pemes

O programa busca contribuír á mellora da competitividade das pemes mediante cinco grandes obxectivos: achegar os conceptos fundamentais da intelixencia artificial, fomentar a adopción de ferramentas e solucións innovadoras, impulsar a transformación dixital das empresas, difundir casos de uso reais e promover un desenvolvemento ético e responsable desta tecnoloxía.
Como culminación da iniciativa, celebrarase un evento final no que se compartirán conclusións, experiencias e boas prácticas identificadas durante o desenvolvemento das actividades, poñendo en valor o impacto da intelixencia artificial como motor de crecemento, innovación e competitividade empresarial.
Coa Semana da IA, Red.es e as Oficinas Acelera Peme reafirman o seu compromiso coa dixitalización do tecido empresarial español e coa construción dun ecosistema innovador que permita ás pequenas e medianas empresas afrontar con éxito os retos e oportunidades da economía dixital.
Unha rede consolidada
Desde o lanzamento da primeira convocatoria en 2020, a rede de oficinas Acelera Peme contribuíu a acelerar a transformación dixital do tecido emprendedor e das pequenas e medianas empresas.
Grazas a sucesivas convocatorias, consolidouse unha rede nacional con máis de 200.000 pemes únicas impactadas e máis de 12.000 actividades realizadas en todo o territorio.
Coa última convocatoria de 2025, que conta con 76 oficinas distribuídas por todo o territorio, Red.es amplía e renova o seu compromiso cunha rede de oficinas que actúan como puntos de asesoramento, físicos e virtuais, para fomentar a adopción de tecnoloxías dixitais, mellorar a competitividade empresarial e acompañar o emprendemento dixital nas súas diferentes fases.

