
O encontro de emprendemento Pont-Up Store abriu esta mañá na praza de España de Pontevedra a súa décimo terceira edición, consolidando un modelo de encontro que en palabras das entidades organizadoras “funciona como escaparate para novas empresas e quere actuar como polo estable de conexión, acompañamento e creación de comunidade arredor do emprendemento galego”.
O acto inaugural reuniu representantes das entidades organizadoras, patrocinadoras e colaboradoras do encontro, que logo realizaron unha visita institucional aos postos para coñecer os proxectos seleccionados nesta edición. A programación continuará durante toda a xornada de hoxe e mañá sábado con actividades de formación, transferencia de coñecemento, investimento e traballo en rede, ademais das demostracións abertas ao público dos propios emprendementos.
O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, puxo o foco na evolución experimentada polo encontro ao longo das súas trece edicións: “Queremos falar de emprendemento non só en termos de crecemento ou rendibilidade, senón tamén de sustentabilidade, impacto social e capacidade para transformar o lugar no que vivimos. O emprendemento que nos interesa é o que crea actividade económica, pero tamén o que fixa talento, fortalece comunidades e constrúe territorio”.
Indicou que “esta filosofía reflíctese tamén na selección de 2026”. De feito, o encontro Pont-Up recibiu 151 candidaturas e seleccionou 48 propostas de participación, cunha presenza crecente de proxectos tecnolóxicos e spin-off universitarias. Ao mesmo tempo, o 47% das iniciativas seleccionadas proceden do rural ou de pequenas vilas e o 69% están lideradas por mulleres, nunha edición que combina biotecnoloxía, intelixencia artificial, transición enerxética e transferencia de coñecemento con artesanía, cultura, economía circular, produción agroalimentaria ou novos servizos.
Para Figueroa, esta diversidade confirma que “a innovación non sucede unicamente nos grandes polos tecnolóxicos. Está acontecendo nun laboratorio universitario, pero tamén nunha pequena vila, nun obradoiro, nunha explotación gandeira ou nun proxecto cultural. Unha das funcións do Pont-Up é precisamente conectar esas realidades e conseguir que persoas que probablemente nunca se atoparían descubran que poden colaborar, compartir coñecemento ou mesmo facer negocio xuntas”, sinalou.
Unha comunidade que xa non se reúne só unha vez ao ano

A apertura desta mañá chega despois do inicio oficial da programación onte xoves no Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo, coa xornada Conecta Coop, organizada por EspazoCoop. A actividade serviu ademais para estrear o espazo Olga Amoedo Cabrera, que compartirán a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, EspazoCoop e Culturgal como punto de encontro arredor do emprendemento, a economía social, a cultura, a intercooperación e a innovación.
“Este novo espazo permitirá ao Pont-Up estender a súa actividade máis alá da celebración anual na praza de España e desenvolver durante todo o ano encontros, formación, colaboracións e iniciativas destinadas ás empresas que forman parte da súa comunidade”, informou a organización do evento.
Nesa mesma dirección sitúase Tecendo Comunidade, o encontro que reúne este mediodía os emprendementos participantes para favorecer o coñecemento mutuo, compartir necesidades e facilitar colaboracións e novas oportunidades de negocio.
O networking entre os proxectos forma parte da estratexia coa que a Asociación Pont-Up Store pretende “prolongar as relacións xeradas durante o evento máis alá da propia feira”.
Da universidade á empresa

A mañá serviu tamén para reforzar unha das tendencias que máis claramente está a emerxer nesta edición: a transferencia de coñecemento desde a universidade cara ao tecido empresarial. O Demo-Day INCUVI ofrece aos proxectos participantes nos programas de emprendemento da Universidade de Vigo un escaparate para presentar a evolución das súas iniciativas ante o público e o ecosistema empresarial.
A presenza universitaria terá continuidade mañá sábado coa sesión Do laboratorio ao mercado: cando o coñecemento se converte en empresa, centrada precisamente en mostrar como o coñecemento e os resultados xerados polos grupos de investigación poden transformarse en novas spin-off e chegar ao mercado.
O Pont-Up Venture conecta esta tarde as startups co investimento
A programación continuará esta tarde cun dos pratos fortes do encontro, o Pont-Up Venture, que se celebrará entre as 17.30 e as 19.00 horas na Casa das Campás. O formato permitirá ás novas firmas innovadoras (startups) seleccionadas defender os seus modelos de negocio ante profesionais do investimento, cun pitch de tres minutos seguido dunha quenda de preguntas. O Venture busca proxectos con base tecnolóxica ou marcado carácter innovador e valora, entre outros aspectos, a orixinalidade, a sustentabilidade, o potencial de impacto e a capacidade de crecemento.
Participarán Sizit AI, que emprega intelixencia artificial para calcular a talla de calzado a partir dunha fotografía do pé; Diversa Technologies, firma biotecnolóxica que desenvolve nanotecnoloxía lipídica para a liberación dirixida de fármacos; edgeContinuum, spin-off da Universidade de Vigo especializada en infraestruturas na nube descentralizadas; ILoveIFC, cunha plataforma para traballar con arquivos BIM directamente desde o navegador; Workstamp, orientada á xestión dixital de equipos e control horario; e Marco Travel, especializada na creación de viaxes e experiencias á medida. A estas propostas súmanse as restantes iniciativas seleccionadas ata completar as oito participantes desta edición.
O Pont-Up Venture converte así Pontevedra nun punto de conexión directa entre talento, tecnoloxía e capital, dando ás empresas a oportunidade non só de procurar financiamento, senón de contrastar os seus modelos de negocio e acceder a experiencia, contactos e redes de investimento.
A tarde completarase coa presentación de Culturgal, a revitalización económica das vilas e o apoio dispoñible para os emprendementos na Xunta de Galicia e cunha nova edición da Consultoría relámpago para a túa web emprendedora, organizada pola Comunidade WordPress Pontevedra, que regresa ao Pont-Up Store tras a boa acollida da pasada edición.
O Pont-Up Store 2026 está dirixido e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, promovido pola Universidade de Vigo desde o Campus CREA e conta co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, ademais do apoio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e outras entidades públicas e privadas vinculadas ao ecosistema emprendedor.

