
A Fundación Pictoaplicaciones, entidade sen ánimo de lucro con sede en Milladoiro (Ames) e centrada en mellorar a calidade de vida e a inclusión de persoas con autismo e diversidade funcional mediante aplicacións con pictogramas, comezou o curso cunha importante novidade: o lanzamento de Inclusivos.org, plataforma para a conexión de entidades sociais e persoas voluntarias.
Segundo explican dende o equipo de desenvolvemento, Inclusivos nace co obxectivo de simplificar e dinamizar a xestión do voluntariado, ofrecendo un espazo común onde as entidades poidan publicar as súas ofertas de forma áxil e os usuarios atopar oportunidades axustadas aos seus intereses e dispoñibilidade.
Dende o equipo de Pictoaplicaciones informan que a plataforma incorpora unha zona privada para cada perfil. Así, as asociacións poden visualizar e administrar as ofertas que publicaron e as solicitudes recibidas, mentres que as persoas voluntarias acceden a un panel coas actividades ás que se apuntaron e os seus datos de usuario.
Como dixemos, o proxecto está impulsado e desenvolvido integramente pola Fundación Pictoaplicaciones, entidade con ampla traxectoria no deseño e xestión de proxectos dixitais de impacto social, que conta con anos de experiencia, múltiples aplicacións e webs desenvolvidas e milleiros de usuarios a diario nas súas iniciativas previas, desde máis de 80 países.
“Esta nova ferramenta reforza a nosa aposta pola innovación social e a tecnoloxía ao servizo da inclusión”, sinalan, engadindo que a web incorpora ademais unha funcionalidade específica para as entidades: “Cada organización pode dispoñer dunha landing propia dentro do portal, onde mostrar a súa traxectoria, equipo e liñas de traballo, ou ben publicar ofertas de voluntariado sen necesidade de contar con esa páxina personalizada”.
Indican tamén que a plataforma foi deseñada con criterios de accesibilidade universal, garantindo que poida ser utilizada polo maior número posible de persoas, con independencia das súas capacidades.
A Fundación Pictoaplicaciones publica a súa nova plataforma dixital de voluntariado, deseñada para facilitar o encontro entre asociacións e organismos sen ánimo de lucro que impulsan accións sociais e persoas interesadas en participar nelas. O portal, xa operativo, permite tanto a entidades como a persoas usuarias rexistrarse, xestionar ofertas e acceder a unha zona privada personalizada.

Inclusivos xa está en liña e aberta a todas as entidades sociais e persoas interesadas no voluntariado en todo o territorio nacional.
A Fundación Pictoaplicaciones é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada como Fundación de Interese Galego, cuxa finalidade é a promoción de actividades de formación, divulgación, promoción, estudo e investigación relacionadas cos eidos das persoas con algunha condición de neurodiversidade, a educación, as novas tecnoloxías, o desenvolvemento e a cultura, que melloren a inclusión e a calidade de vida das persoas con algunha condición de neurodiversidade.
Naceu no ano 2012 como proxecto solidario de Grupo Promedia, empresa de deseño e desenvolvemento web e aplicacións con sede en Santiago de Compostela, que no ano 2020 cede todas as súas aplicacións a ben de constituír a Fundación Pictoaplicaciones.
Ao longo destes anos desenvolveron múltiples aplicacións que axudan a persoas (con) autismo ou outras condicións nas que existan necesidades complexas de comunicación ou con outros tipos de trastornos de comunicación na linguaxe oral. Todas as aplicacións son gratuítas e de acceso libre, co fin de que “poidan chegar ao máximo número de persoas”.

