
Sony leva á PS5 o escalado de imaxe baseado en intelixencia artificial que ata agora estaba reservado á PS5 Pro grazas a Quick Spectral Super Resolution (QSSR), unha nova tecnoloxía derivada do PSSR, que facilitará que a actual xeración de consolas de videoxogos poida estirarse ao máximo nun panorama no que o lanzamento dunha PS6 semella inviable por mor dos prezos das memorias.
O sistema analiza as imaxes de xogo píxel a píxel e emprega redes neuronais para reconstruír detalles con maior nitidez e estabilidade que as técnicas tradicionais de escalado. O principal obstáculo para levar PSSR á PS5 era o custo computacional, polo que Sony desenvolveu unha versión máis eficiente a partir do traballo realizado no Project Amethyst, a colaboración con AMD centrada en gráficos baseados en IA.
QSSR combina unha arquitectura de rede neuronal optimizada cunha implementación adaptada ao hardware da PS5. A tecnoloxía non pretende substituír o PSSR na PS5 Pro, que continuará ofrecendo unha maior calidade de imaxe, senón achegar parte das súas vantaxes á versión estándar da consola.
Marvel: Lobezno e Ghost of Yōtei son os primeiros xogos compatibles. Ambos reciben xa un parche que incorpora QSSR como unha opción gráfica adicional para PS5.
Insomniac Games destaca que a tecnoloxía mellora a claridade e a estabilidade dos píxeles nos escenarios de Marvel: Lobezno, con especial impacto en zonas con elevada densidade de detalles como as rúas de Madripoor ou os barrios de Shinjuku. «QSSR engade maior claridade e estabilidade a nivel de píxel aos nosos escenarios», explica Mike Fitzgerald, director de tecnoloxía do estudio.
Sucker Punch tamén sinala unha mellora na representación dos pequenos detalles dos personaxes e dos escenarios de Ghost of Yōtei, así como na estabilidade temporal da imaxe. A enxeñeira xefa de renderizado do estudio, Jasmin Patry, considera QSSR un paso para achegar á PS5 parte da calidade de imaxe que o PSSR ofrece na PS5 Pro.
A nova biblioteca estará dispoñible de forma xeral para os desenvolvedores de PlayStation, polo que Sony prevé que QSSR se incorpore progresivamente a máis xogos da PS5.

