
Estes días (ata mañá) estanse a desenvolver na Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra as xornadas Redes sociais e IA para mellorar a visibilidade científica e académica, uns encontros que se indica no seu nome van dirixidos a compartir recursos e ferramentas para favorecer a divulgación investigadora a través a través da intelixencia artificial.
Promovidas polo grupo CP2 Comunicación Persuasiva, concibíronse como “un espazo de intercambio, exploración e traballo práctico arredor das posibilidades que ofrecen as redes sociais e a intelixencia artificial como aliadas para mellorar a comunicación pública das nosas investigacións, proxectos e accións de transferencia”, sinalan desde a organización.

Coordinadas pola profesora Mónica Valderrama e abertas ao conxunto da comunidade universitaria, estas xornadas teñen como obxectivo contribuír a “mellorar a visibilidade da actividade científica” do grupo CP2.
O programa abrangue catro obradoiros, impartidos por profesionais e centrados en aspectos como a xeración de contidos accesibles e rigorosos para redes sociais, que contidos son máis axeitados para cada plataforma ou a creación de recursos divulgativos con ferramentas de intelixencia artificial.

Precedidas dun encontro coa vicerreitora do Campus de Pontevedra, Marián Fernández, e a vicerreitora de Oferta Académica, Esther Pillado, as xornadas abríronse cun relatorio sobre o uso de redes sociais para a comunicación científica, a cargo do xestor de redes da Universidade de Sevilla Sergio Fernández. Esta actividade permitiu ás persoas participantes coñecer as “pautas para comunicar a través das redes sociais” e posibilitou que as e os participantes obtivesen un conxunto de recomendacións “para traballar a súa marca persoal, dentro do aspecto profesional”.
O relator debullou as estratexias e plataformas a empregar para a divulgación científica, e tamén os públicos e formatos de cada rede, co propósito de achegar aos asistentes claves para “transformar o coñecemento científico en contidos atractivos, doados de entender e rigorosos”.
Nesa mesma liña, a actividade continuou na tarde deste mércores cun obradoiro de Blanca Rodríguez, creadora de contido na axencia Trend, centrado en proporcionarlles “pautas e boas prácticas para aproveitar mellor as posibilidades que ofrecen as distintas plataformas”, afondando en que contidos poden funcionar mellor en cada rede.
A xornada do mércores estará dedicada ás posibilidades que achega a intelixencia artificial en materia de divulgación, a través de dous obradoiros. O primeiro deles correrá a cargo de Joel Bucio, responsable da axencia Goose & Hooper, e centrarase no deseño de prompts, na xeración e adaptación de contidos e na creación de recursos en diferentes formatos a partir dunha mesma información.
Deseguido, José Alcañiz, director executivo (CEO) de Esterea Comunicación Digital, porá o foco nas ferramentas e recursos dixitais que “poden contribuír a mellorar a difusión, o posicionamento e o alcance do traballo científico e académico”.
Por outra banda, desde a organización sinalan tamén que o obxectivo é que este encontro sirva tamén para comezar a construír un “repositorio compartido de recursos” que permitan facer máis visible o traballo do grupo CP2, incorporando guías, recomendacións, prompts ou materiais de consulta.

