
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago vai acoller este xoves 8 de outubro ao mediodía (de 12.30 a 14.00 horas) unha charla sobre como pode revolucionar a IA o ámbito da saúde. Trátase da charla A revolución da intelixencia artificial e dos datos na sanidade: como a tecnoloxía está a transformar a prevención, o diagnóstico e a atención sanitaria. Será impartida por Benigno Rosón Calvo, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
A actividade encádrase no programa da Aula Profesional Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial, dende a que se lembra (contextualizando a sesión) que durante moito tempo, a tecnoloxía foi considerada un apoio para a sanidade, “pero hoxe xa non é así, xa que a tecnoloxía converteuse nunha parte esencial da propia asistencia sanitaria e os centros sanitarios son grandes ecosistemas dixitais nos que se xestionan millóns de datos, conéctanse mancheas de aplicacións e dispositivos, manéxase información especialmente sensible que é necesario protexer e todo isto debe funcionar de forma ininterrompida as vinte e catro horas do día, todos os días do ano”.
Porén, engádese que a verdadeira transformación non consiste simplemente en introducir novos algoritmos: consiste en redeseñar os procesos e converter os datos en coñecemento, o coñecemento en mellores decisións e esas decisións nunha atención máis personalizada, preventiva e segura.
Benigno Rosón é enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña (1990–1995) e mestrado en Dirección de Sistemas e Comunicacións polo Instituto Nacional de Administración Pública e a Universidade Politécnica de Madrid.
Desde 2009 é subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, desde onde se desenvolveron proxectos pioneiros de grande repercusión tecnolóxica e asistencial, como a informatización da historia clínica, a implantación da receita electrónica ou a dixitalización de toda a imaxe médica xerada no SERGAS. Tamén se lideraron importantes proxectos de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora, como H2050, Innova Saúde ou Código 100, cun orzamento superior aos 100 millóns de euros e considerados modelos de referencia en Europa.
Na actualidade, o seu departamento está a acometer un proceso de transformación dixital, impulsando iniciativas como a telemonitoraxe domiciliaria, a conectividade mediante a Internet das Cousas (IoT) de dispositivos electromédicos empregados polos pacientes, a incorporación da análise da información a gran escala (Big Data) bo proceso de toma de decisións clínicas, o uso da IA no diagnóstico asistido por computador e o desenvolvemento de aplicacións móbiles para o autocoidado da saúde.
No ano 2015, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia concedeulle o Premio á Traxectoria Profesional polo seu “decisivo papel no deseño do futuro modelo de sanidade pública galega”. Conta, ademais, con outros recoñecementos, como os da Sociedade Española de Informática da Saúde (SEIS) e da Asociación Unión Profesional de Galicia.
As inscricións para asistir ao relatorio cómpre facelas a través da conta aula.profesional@usc.es indicando no asunto Aula Prof. GrEI-GrIA 0602.

