
Tres estudantes do dobre grao en Enxeñería Informática e Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela impulsan Expresso Talks, un novo programa de formación e encontros para achegar a estudantes e mozos profesionais do sector tecnolóxico. A primeira sesión celebrarase o xoves 15 de outubro, de 18.00 a 20.00, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), en Santiago.
A iniciativa, organizada por Ignacio Garbayo, Carlos Cao e Yago Falgueras, nace en colaboración co GPUL e The Exponential Fellowship, e conta co apoio da USC a través da ETSE. O obxectivo, sinalan, é “conectar o talento da cidade e dar a coñecer opcións profesionais e proxectos máis aló da aula, mediante temáticas ao redor da empresa, a investigación ou as novas firmas innovadoras”.
O programa inaugural incluirá a charla Guía para sobrevivir fóra da universidade, de Pablo Castro, enxeñeiro en Auth0 e ex-alumno da Universidade da Coruña e de E Combinator.
Reyders Morales, líder do equipo de software embebido da empresa viguesa Alén Space (GMV), falará sobre Cando a memoria amente: como programar un satélite.
Amais, a sesión tamén presentará as actividades previstas para o curso: charlas, obradoiros técnicos e minihackathons, xunto con espazos de networking.
A convocatoria conseguiu 80 persoas rexistradas en escasos días desde o seu anuncio. A actividade está aberta a calquera persoa interesada na tecnoloxía, non só a estudantes. Para o alumnado da USC-ETSE, a asistencia conta para créditos da Aula Profesional.
O programa pódese consultar xa en liña e tamén están abertas as inscricións.
