
AGalega.gal estrea este mércores Amor con interese, un novo formato dixital de entretemento que combina citas amorosas e intelixencia artificial. A plataforma da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) renovará tamén esta semana os seus contidos de divulgación con novas entregas de BenLidos, Sexo con Senso e Bótalle azucre, ademais de incorporar catro películas de distintos xéneros.
Seleccionado na última convocatoria de contidos dixitais da CSAG, Amor con interese contará co influente Salseología como anfitrión. En cada entrega recibirá unha persoa solteira que busca parella, sen revelarlle que entre os seus pretendentes hai un cibercarracho, un participante que segue un guión creado mediante intelixencia artificial. No primeiro capítulo, o tiktokeiro Miguel García buscará o amor sen saber que participará nunha cita dobre nin coñecer a verdadeira identidade dun dos participantes. O programa publicará unha nova entrega cada mércores durante catro semanas.

A programación divulgativa incluirá o xoves 15 un novo episodio de BenLidos, presentado por Alba Mancebo e dedicado a Memorias dun neno labrego, a obra de Xosé Neira Vilas publicada en 1961 que Iria Aldegunde adapta por primeira vez á banda deseñada. Ese mesmo día tamén chegará unha nova entrega de Bótalle azucre.
O venres 16 será a quenda de Sexo con Senso, o espazo sobre sexualidade presentado pola matrona Lidia Lestegás. O novo capítulo afondará no erotismo e no papel do desexo, a imaxinación e o xogo no pracer.
A oferta cinematográfica comezará o martes 13 con Fátima, película inspirada nas aparicións marianas que narra a historia de Lucía, Jacinta e Francisco, os tres nenos que afirmaron ter visto a Virxe María e que tiveron que afrontar o escepticismo dunha parte da sociedade.
O xoves 15 estrearase Mentes marabillosas, unha historia de amizade entre Louis, un empresario funerario, e Igor, un mozo con discapacidade apaixonado pola filosofía. A viaxe que emprenden xuntos levaraos a cuestionar os seus prexuízos e a contemplar a vida desde unha perspectiva diferente.
O drama histórico A sentenza chegará o venres 16. A película segue a Victor Dessauer, un empresario xudeu vienés que, tras perder case toda a súa familia a mans dos nazis, intenta levar ante a xustiza o responsable da matanza. Na década de 1960, descubrirá as dificultades de enfrontarse a un sistema xudicial e a unha sociedade que aínda non romperan co seu pasado.
O sábado 17 incorporarase Unha volta con Madeleine, protagonizada por unha muller maior que debe abandonar a súa casa para ingresar nunha residencia. Antes de chegar ao destino, pídelle a Charles, o taxista que a traslada, que percorra con ela distintos lugares de París que marcaron a súa vida. A viaxe convértese nun encontro de confidencias e lembranzas que acabará transformando os dous protagonistas.
As películas estarán dispoñibles en AGalega.gal durante 30 días, agás Unha volta con Madeleine, que poderá verse ata o 20 de outubro.
