
O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Xunta, organiza ata o 15 de outubro unha misión inversa baixo o lema GovTech: Innovación, seguridade e cooperación para impulsar a internacionalización das empresas tecnolóxicas galegas e establecer novas vías de colaboración con institucións e compañías latinoamericanas.
A delegación está integrada por catorce representantes de entidades públicas e privadas de Arxentina, Guatemala, Panamá e Uruguai, que visitan estes días Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para coñecer o ecosistema tecnolóxico galego e manter reunións de traballo con socios do Clúster TIC Galicia.
Damián Rey, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, asistiu esta mañá á recepción das persoas que participan na misión inversa, onde destacou a importancia que ten para Galicia avanzar na soberanía dixital e na concentración de coñecemento para poder desenvolver unha transformación dixital adaptada ás singularidades da súa poboación e o seu territorio. Neste sentido, destacou a acción conxunta da Administración, as universidades e centros de investigación e a industria. Puxo como exemplo o Pacto Dixital de Galicia, do que forman parte 19 grandes empresas tecnolóxicas e as principais agrupacións empresariais e clústeres desta Comunidade.
Entre os lugares que percorrerán as delegacións figuran a Cidade das TIC e o parque empresarial de Porto do Molle, dous polos de innovación nos que poderán coñecer solucións tecnolóxicas desenvolvidas en Galicia e as capacidades das empresas en intelixencia artificial, ciberseguridade, dixitalización industrial, automatización, Internet das Cousas (IoT), interoperabilidade e servizos na nube.
A transformación dixital das administracións públicas constitúe un dos eixos centrais da misión, que inclúe encontros con representantes institucionais da Xunta e de centros tecnolóxicos e de investigación galegos para coñecer as políticas públicas e os programas de innovación que se están a desenvolver.
A delegación destaca polo perfil dos participantes, entre os que hai responsables de organismos públicos, axencias de transformación dixital, entidades de promoción de investimentos e exportacións, reguladores financeiros e operadores de telecomunicacións. Trátase de profesionais con capacidade de decisión sobre proxectos e contratacións tecnolóxicas nos seus respectivos países.
Arxentina achega cinco representantes: Pablo De Chiara, presidente da Axencia ProCórdoba; Bruno Hernández, xerente de Innova do Consello Federal de Investimentos (CFI); Gonzalo Valenci, director executivo de Córdoba Clúster; Emiliano Villa, director nacional da Oficina Nacional de Tecnoloxías da Información (ONTI), e Augusto Ardiles, da Subsecretaría de Investimentos do Goberno da Cidade de Buenos Aires.
Desde Guatemala participan Pedro López, da Comisión Presidencial de Goberno Aberto e Electrónico (GAE), e Karen Stéfany Ortiz, do Viceministerio de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións do Ministerio de Gobernación.
Panamá está representada por Yaniselly Cueto, subxerente xeral de Innovación e Tecnoloxía do Banco Nacional de Panamá; Juan Carlos Rodríguez, secretario xeral do Ministerio de Seguridade Pública; Ernie Paz, xerente de Administración de Sistemas da Superintendencia de Bancos de Panamá, e José Quintas, director xeral de UFINET Panamá.
A delegación uruguaia complétana Federico Beux, subdirector de Infraestrutura e Operacións de TI de Agesic; Fernando Fontán, xerente da División de TI de Antel, principal provedor de servizos TIC do país, e Tania Burjel, coordinadora operativa de Uruguai Innova (U+I).
Os encontros permitirán ás empresas asociadas ao Clúster TIC Galicia presentar os seus proxectos, establecer contactos directos con organismos públicos e compañías latinoamericanas e identificar oportunidades de colaboración e negocio. A iniciativa busca reforzar a súa competitividade internacional e facilitar o acceso a mercados nos que a modernización dos servizos públicos e a innovación tecnolóxica abren novas posibilidades para o sector.
