
Meta anunciou Muse Wonder e Muse Wonder Full, dous modelos de intelixencia artificial orientados á execución de tarefas persoais e profesionais mediante axentes autónomos. Sitúan ambos sistemas entre os seus modelos máis capaces ata a data, desenvolvidos a partir do traballo realizado con Muse Spark e centrados en mellorar o rendemento en ámbitos especializados, como o dereito, as finanzas, a saúde e a programación.
Os novos modelos están deseñados para resolver tarefas que requiren interpretar información, analizar documentación e avanzar a través de varios pasos. Entre os exemplos citados figuran a xestión de reclamacións a seguros, a comprensión de contratos de alugueiro e a análise de información financeira. Tamén buscan ofrecer un alto rendemento en programación, tanto para desenvolver videoxogos como para crear aplicacións destinadas a novos negocios.
Unha das principais novidades é Active Memory, unha función que permite conservar información relevante entre conversas e recuperala cando resulta útil para unha tarefa concreta. O obxectivo é que os axentes poidan traballar con continuidade, sen perder detalles importantes ao cambiar de sesión.
A esta capacidade súmase Active Focus, orientada a manter o traballo cara ao obxectivo previsto mesmo cando aparecen dificultades. Esta función permite probar métodos alternativos, recuperarse de erros e continuar a execución das tarefas. Os modelos tamén poden solicitar aclaracións cando o consideran necesario e consultar co usuario antes de realizar accións importantes.
Meta prestou especial atención á seguridade, xa que os axentes persoais poden necesitar acceder a mensaxes, calendarios e documentos. Os modelos da familia Muse Wonder están adestrados para evitar compartir información privada sen autorización e rexeitar peticións que faciliten accións realmente prexudiciais. Tamén incorporan medidas destinadas a reforzar a seguridade e as defensas fronte a ciberataques.
As capacidades de ciberseguridade presentan un dobre uso: os modelos poden axudar a identificar vulnerabilidades no código e reforzar sistemas, pero esas mesmas habilidades requiren controis para reducir os posibles abusos. Meta asegura que adestra, avalía e publica os seus modelos máis avanzados seguindo os criterios do seu Superintelligence Scaling Framework. Prevén publicar proximamente un informe con avaliacións adicionais de seguridade.
Muse Wonder xa está dispoñible a través de Meta Model API e Muse Code. A súa integración en Muse, o servizo de intelixencia artificial da compañía, chegará proximamente e comezará polos usuarios subscritos.
