
O Día das Aves, promovido por BirdLife International, e o Día das Aves Migratorias, coordinado por SEO/BirdLife, inspiran a nova entrega do portal galego Proxector, o especial de divulgación na nosa lingua impulsado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Baixo o título As aves: o fascinante mundo dunhas intrépidas viaxeiras, reúne unha ducia de vídeos para identificar especies, descubrir os seus hábitats e coñecer mellor os seus modos de vida e os retos aos que se enfrontan.
O especial deste mes de Proxector arrinca cun vídeo sobre a identificación do canto das aves e propón un percorrido pola diversidade e a riqueza da avifauna galega, desde os espazos urbanos ata os ecosistemas costeiros e os esteiros.
Continúa cunha proposta práctica para aprender a recoñecer as aves a través dos seus sons, coa axuda das aplicacións Merlin Bird e BirdNET, e prosegue cunha aproximación aos espazos naturais protexidos, especialmente ás zonas de especial protección para as aves (ZEPA) mariñas de Galicia. Os vídeos permiten descubrir tamén a importancia destes territorios para a conservación da biodiversidade e o seu potencial para promover un turismo naturalista sostible.
O especial achégase igualmente ás aves que conviven connosco nas cidades, a través de dous traballos sobre as especies silvestres de Pontevedra e as aves urbanas de Ourense.
Completan a escolma un vídeo sobre a alimentación do peto verdeal, outro que explica a presenza excepcional dun grupo de voitres leonados na serra do Barbanza e unha peza divulgativa sobre a sorprendente intelixencia dos corvos.
“En conxunto, os doce recursos ofrecen unha oportunidade para observar, aprender e comprender mellor o mundo das aves, así como para tomar conciencia da importancia de conservar os espazos naturais dos que dependen”, informan dende o Consello da Cultura Galega e a USC.
Proxector é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos.
