
Meta puxo á venda as Ray-Ban Meta Audio, unhas lentes deseñadas para escoitar música, atender chamadas e interactuar coa intelixencia artificial sen bloquear os sons do exterior. O novo modelo, presentado durante o Meta Connect 2026, incorpora altofalantes de oído aberto, unha autonomía de ata 12 horas e un deseño máis lixeiro e estilizado. O seu prezo de partida é de 349 euros e as entregas das lentes comezaría o vindeiro día 19.

O son é unha das funcións máis empregadas nas lentes intelixentes de Meta. As novas Ray-Ban Meta Audio apostan por esta característica cun sistema de altofalantes que permite escoitar contidos e conversar sen necesidade de utilizar auriculares convencionais nin illarse acusticamente do que sucede arredor.

As lentes pesan 43 gramos e incorporan bisagras con apertura ampliada, terminais das patillas axustables e solucións para adaptar o apoio nasal en función da versión escollida. O obxectivo é facilitar o uso prolongado ao longo do día.

Contan cunha autonomía de 12 horas cunha única carga, aínda que a reprodución continua de audio queda en ata seis horas. O estoxo de carga incluído achega outras 48 horas de autonomía, mentres que a carga rápida permite recuperar o 50 % da batería en 22 minutos.
Meta comercializa as Ray-Ban Meta Audio en dous deseños característicos da marca: Clubmaster, de inspiración retro, e Burbank. A gama ofrece 23 combinacións de monturas e lentes, todas elas dispoñibles con lentes graduadas. A intención destas novas lentes é moi clara: evitar os problemas de privacidade que teñen os modelos con cámara. Deste xeito, quen desexe unhas lentes con IA ou con micrófono e altofalante, e se mova en escenarios nas que portar unha cámara poida provocar conflitos (ou incluso estea prohibido), ten aquí unha interesante alternativa.
