
Beats e The Pokémon Company International lanzan unha edición especial do altofalante portátil Beats Pill, decorada con Pikachu e Mimikyu e acompañada de accesorios inspirados no universo Pokémon. O trebello combina un deseño en amarelo eléctrico e tons de gris cun sistema acústico orientado a ofrecer graves profundos e un son capaz de encher unha habitación.
A parte frontal e a traseira incorporan referencias visuais aos dous Pokémon. Por primeira vez, Beats inclúe accesorios decorativos nun modelo Pill: unhas pezas que representan unha Poké Ball, o logotipo b da marca e os raios asociados a Pikachu. A embalaxe tamén conta cun deseño interactivo.
O altofalante admite reprodución de audio sen perdas de alta resolución mediante USB-C e permite emparellar dúas unidades para reproducir música en modo Amplify ou Stereo. A batería achega ata 24 horas de autonomía e a certificación IP67 garante resistencia ao po e á auga.
Inclúe unha correa extraíble a xogo e unha parte traseira de silicona para facilitar o agarre. Tamén pode utilizarse para cargar un teléfono compatible a través do cable USB-C incluído.
A edición especial Pokémon x Beats Pill estará dispoñible a partir do 15 de outubro por 149,99 dólares nos Estados Unidos, no Reino Unido e na China, a través de Apple e de distribuidores seleccionados de cada mercado, descoñecéndose polo momento cando chegará a España, onde podería ter un prezo de 169,95 euros (como teñen outras versións do altofalante Beats Pill).
