
A versión para PC de Grand Theft Auto VI podería publicarse durante os tres primeiros meses de 2027, poucos meses despois do lanzamento previsto para PlayStation 5 e Xbox Series X|S, fixado para o 19 de novembro de 2026. A información, publicada por GamesBeat, baséase en catro fontes da industria familiarizadas cos plans de Rockstar Games, que solicitaron manter o anonimato. O estudio non respondera á petición de comentarios antes da publicación da noticia.
De confirmarse esta fiestra de lanzamento, GTA VI chegaría aos ordenadores moito antes que o seu antecesor. Grand Theft Auto V estreouse en setembro de 2013 para consolas, pero non chegou a PC ata abril de 2015, cunha diferenza de arredor dun ano e sete meses. A nova entrega podería reducir considerablemente esa espera, aínda que Rockstar non anunciou oficialmente a data da versión para ordenadores.

A chegada a PC tamén tería importancia para as posibilidades de expansión do xogo en liña. Rockstar adquiriu en agosto de 2023 Cfx.re, o equipo responsable de FiveM, unha das principais plataformas de modificación de Grand Theft Auto V que permite crear servidores de interpretación de roles. Esta modalidade de xogo depende da versión para PC e podería ter un papel relevante no futuro de GTA VI.
Rockstar tamén manifestou o seu interese en incorporar ferramentas para crear contidos xerados polos usuarios. Un lanzamento temperán en PC facilitaría o desenvolvemento destas iniciativas e ampliaría as posibilidades de participación da comunidade, máis alá da experiencia ofrecida polo propio xogo.

O calendario de lanzamento continúa condicionado polas decisións do estudio sobre o desenvolvemento. GTA VI sufriu dous atrasos desde o seu anuncio en decembro de 2023, cando estaba previsto inicialmente para 2025. A data pasou despois a maio de 2026 e finalmente ao 19 de novembro dese ano. Take-Two Interactive, matriz de Rockstar Games, mantivo esa última data nas súas comunicacións financeiras.
Cómpre salientar que o adianto do lanzamento da versión de Grand Theft Auto VI para PC podería responder á aparición nas últimas semanas de versións de numerosos videoxogos portados a diferentes plataformas empregando ferramentas de IA, polo que o risco de que a versión de PS5 ou Xbox Series X de GTA VI puidese adaptarse ilegalmente a PC é demasiado alto como para non procurar mitigalo deixando caer que non será preciso agardar ano e medio para gozar do agardado título de Rockstar en ordenadores persoais.
