
O proxecto Allocate abriu o prazo de preinscrición para unha formación especializada en IA verde e ética que conta coa participación do Concello da Coruña. No curso, persoal experto do ámbito académico, empresarial e institucional abordará os principais retos tecnolóxicos, ambientais e regulatorios da intelixencia artificial. Esta iniciativa conta tamén coa colaboración da Universidade da Coruña, a AESIA, Altia, Khora Urban Thinkers e o Cluster TIC Galicia.
Os contidos inclúen introducións ao deseño urbano baseado en datos, á IA e á sustentabilidade, ao desenvolvemento de IA enerxeticamente eficiente, ás ferramentas para medir e reducir a pegada ambiental da IA, á privacidade e seguridade dos datos, aos principios éticos da IA e á gobernanza e regulación (AI Act). Tamén haberá casos prácticos sobre IA verde e ética.
O Concello explica que a matrícula será de balde e que as prazas son limitadas e a participación realizarase mediante un proceso de selección de solicitudes.

A preinscrición pódense formalizar ata o día 10 de novembro en liña. A comunicación de persoas admitidas levarase a cabo o 11 de novembro e o período de matriculación será entre o 11 e o 13 de novembro. O período lectivo será dun mes, do 17 de novembro ao 17 de decembro.
O curso está dirixido especialmente a profesionais do sector tecnolóxico e a empresas da Coruña interesadas en formar parte da Comunidade Local de Computación do proxecto Allocate.
Dende a Administración local lembran que Allocate supón un investimento de 5,5 millóns de euros, dos cales 4,4 millóns proceden do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Iniciativa Urbana Europea, e 1,1 millóns son achegados polo Concello da Coruña. O proxecto ten como obxectivo crear unha comunidade local de empresas para impulsar as súas capacidades en intelixencia artificial, con especial foco nunha IA verde e ética. Para conseguilo, poñerase á súa disposición unha infraestrutura de computación que lles permitirá probar e validar algoritmos, acceder a formación especializada e a datos urbanos de calidade, e participar nunha convocatoria para desenvolver solucións baseadas en IA aplicadas a casos reais da cidade, relacionados cos ámbitos da mobilidade, a xestión de residuos e a atención á cidadanía.
