
Vitae Consultores vai organizar este mes de novembro unha nova formación centrada que pon o foco no concepto MCP, siglas de Model Context Protocol (Protocolo de Contexto de Modelo) e nas posibilidades deste estándar aberto e universal que permite conectar de forma segura e unificada os modelos de intelixencia artificial con ferramentas, aplicacións e fontes de datos externas. O Curso MCP e Skills Profesionais e Avanzadas terá 6 horas de duración e desenvolverase entre os días 10 e 16 de novembro.
O obxectivo é ir máis alá do que ofrecen ferramentas que empregamos (xa) no noso día a día, como ChatGPT, Claude ou Cursor. Trátase de recursos de utilidade que nos axudan a aforrar tempo pero que as veces “déixannos a medias”, segundo explican dende Vitae, deixándonos a parte máis ardua do traballo: abrir ficheiros, copiar contexto, pegar resultados, repetir o mesmo briefing cada vez que abrimos unha sesión nova.
Dende a consultora galega explican que “se ben ata hai pouco non había unha forma estándar de enchufar un LLM ao mundo real, agora haina e chámase MCP”. Seguindo este fío, o obxectivo da formación é axudarnos a entender MCP “de verdade”, montarmos o noso primeiro servidor e escribir Skills que o axente reutilice “sen que haxa que volver a contar como queremos traballar”. Esta formación ofrece unha introdución práctica a Model Context Protocol (MCP) e ao desenvolvemento de Skills, co obxectivo de comprender como poden utilizarse ambas as capacidades para construír solucións de IA máis conectadas e con marxe de reutilización e adaptación a diferentes contornas tecnolóxicas. O programa aborda os principais compoñentes de MCP (Host, Cliente e Servidor, así como Tools, Resources, Prompts e Sampling) e a súa aplicación mediante a construción e conexión dun servidor MCP funcional.

Así mesmo, a formación profunda no concepto de Skills como comportamentos reutilizables, analizando a súa estrutura, os seus mecanismos de activación e as diferenzas existentes respecto ás Tools proporcionadas mediante MCP. Deste xeito, búscase proporcionar criterios que permitan determinar que mecanismo resulta máis axeitado en función das necesidades de cada caso de uso.
Cun enfoque baseado na práctica guiada e na comprensión dos fundamentos técnicos, o curso está especialmente orientado a profesionais que desenvolven a súa actividade en contornas tecnolóxicas, utilizan acotío modelos de linguaxe e desexan avanzar desde un uso principalmente asistencial cara á construción de integracións e comportamentos que se poidan replicar e aproveitar.
O curso está dirixido a desenvolvedores ou profesionais en contornas técnicas, usuarios de LLM que queiran comezar a construír ferramentas que poidan ser empregadas en sistemas diferentes sistemas operativos, contornas de traballo ou plataformas sen necesidade de modificar o seu código fonte.
Obxectivos
- Comprender os fundamentos e a arquitectura de Model Context Protocol (MCP).
- Comprender como MCP permite conectar modelos de linguaxe con datos, ferramentas e servizos externos.
- Adquirir os coñecementos necesarios para crear, configurar e probar un servidor MCP funcional.
- Comprender o concepto, a estrutura e o funcionamento dos Skills.
- Diferenciar adecuadamente os casos de uso de MCP, Tools e Skills.
O curso achegarase en formato de aula virtual con clases en directo e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta.
O formador: Daniel Alfocea
O formador será Daniel Alfocea, profesional que leva máis de 20 anos dando guerra ao código inseguro, ás APIs vulnerables e a calquera cousa sospeitosa de ter problemas en ciberseguridade. É arquitecto de Seguridade especializado en APIs REST, investigador independente e fundou varias iniciativas e ferramentas de seguridade que se cadra usamos a diario e sen sabelo. Colaborou con multinacionais, startups, bancos, consultorías e ata por algún hackathon como xurado. Asesorou a empresas que manexan miles de millóns de euros en activos e, tamén, estivo detrás do código de plataformas que usan millóns de usuarios en tempo real.
Usa un método é sinxelo libre de discursos teóricos, xa que considera que a seguridade non ten por que ser nin aburrida nin complicada, “senón tremendamente efectiva”.
