
A subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, abriu hoxe unha sesión do programa A Administración preto de ti na Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (UDC), xunto co decano, Jesús Vázquez. Este programa está dirixido a achegar á cidadanía os servizos e ferramentas dixitais da Administración Xeral do Estado.
A sesión, na que participaron case un centenar de estudantes, estivo orientada a dar a coñecer os recursos electrónicos que a Administración pon á disposición da cidadanía, con especial atención á mocidade universitaria, afeita a realizar xestións a través de Internet e que, segundo lembrou a subdelegada, “pode atopar nestas ferramentas novas posibilidades para relacionarse cos organismos públicos”.
Taboadela salientou “a importancia de coñecer os sistemas de identificación electrónica e os procedementos que están ao noso dispor para realizar trámites en liña, tanto no ámbito académico como no persoal e profesional”. Entre eles figuran a solicitude de bolsas e axudas ao estudo, a consulta e xestión de prestacións ou a presentación de solicitudes e documentación ante distintos organismos.
Coñecer os recursos dixitais da Administración

Segundo lembrou, a Administración Xeral do Estado permite realizar por medios electrónicos “máis do 90 % das xestións e comunicacións cos seus departamentos”.
Para acceder a estes servizos, dixo, “existen ferramentas como o certificado electrónico da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e o sistema Cl@ve, que permiten acreditar a identidade e efectuar numerosos procedementos sen necesidade de desprazamentos”.
A sesión posibilitou tamén contextualizar estas ferramentas e explicar as súas posibilidades de uso, co obxectivo de facilitar que o alumnado identifique os recursos que pode necesitar nas súas relacións coa Administración.
O programa A Administración preto de ti, impulsado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática e xestionado polas Delegacións e Subdelegacións do Goberno, púxose en marcha en novembro de 2022 para achegar os servizos da Administración do Estado á poboación, inicialmente en municipios de entre 500 e 8.000 habitantes que non dispoñen de oficinas destes organismos.
A iniciativa desenvólvese tamén noutros espazos e con colectivos que poden beneficiarse de información práctica sobre os servizos electrónicos dispoñibles.
