
A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, inaugurou esta mañá a xornada Interregional workshop: The European digitization in the coming decade (Obradoiro interrexional: A dixitalización en Europa na próxima década), celebrada na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. O seminario reuniu representantes da Comisión Europea, organismos rexionais e empresas para debater sobre o futuro da dixitalización en Europa, así como os seus principais retos e oportunidades.
Carmen Cotelo expuxo a aposta de Galicia por tecnoloxías estratéxicas como a intelixencia artificial, a computación cuántica e a biotecnoloxía, en consonancia coas prioridades europeas e co Plan galego de I+D+i. Entre as iniciativas destacadas figuran a factoría europea de intelixencia artificial 1HealthAI, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e a Estratexia de Biotecnoloxía 2026-2030.
A xornada forma parte do proxecto de cooperación interrexional Interreg Europe BestDIH, orientado a mellorar as políticas rexionais de innovación no eido da transformación dixital mediante a cooperación entre rexións. O proxecto dispón dun orzamento de 1,45 millóns de euros e está liderado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación.
BestDIH conta con outros seis socios europeos: Pannon Business Network Association (Hungría), Province of Overijssel (Países Baixos), Council of Tampere Region (Finlandia), ART-ER Joint Stock Consortium Company (Italia), West Romania Regional Development Agency (Romanía) e Enterprise Development Agency EDA (Bosnia e Hercegovina).
O programa incluíu unha mesa redonda na que empresas do sector tecnolóxico, como IQM e Fsas Technologies, compartiron a súa visión sobre as principais tendencias en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas. Ambos os ámbitos figuran entre as prioridades do Plan galego de I+D+i 2025-2027. No encontro tamén participaron axentes do ecosistema galego de investigación, desenvolvemento e innovación, entre eles o Hub de Innovación Dixital DIHGIGAL.
