
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o Campus de Ourense acolleu o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.

Bio Transfer GNP (Rede de Transferencia Biocircular para a Valorización dos Recursos Endóxenos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal) é unha iniciativa de cooperación transfronteiriza que busca impulsar a bioeconomía neste territorio, conectando os centros de investigación co tecido empresarial para “transformar os recursos naturais da zona en modelos de negocio máis sostibles e circulares”, explicaron os seus responsables.
Liderado por Ecobas, participan as tres universidades públicas galegas, o Instituto Politécnico do Porto, o Instituto Politécnico de Bragança, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), a Associação Portuguesa de BioIndústrias, o Centro para a Valorização de Resíduos e a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia.
Arrancou en xullo de 2025 e rematará a finais de 2027, contando cun orzamento total de 1,05 millóns.
“No marco desta colaboración, desenvolvemos unha ferramenta baseada en intelixencia artificial para favorecer o acceso ao noso mapa de recursos de economía circular. A interface que creamos permite que calquera persoa, organización ou empresa interactúe de forma dinámica co coñecemento técnico do proxecto, facilitando consultas rápidas sobre como valorizar os recursos”, sinalan desde o proxecto, engadindo que este “pon a disposición pública unha guía interactiva para fomentar a sostibilidade e a innovación” e “unha solución pensada para que empresas e institucións identifiquen oportunidades de economía circular e contribúan a un desenvolvemento económico máis respectuoso co noso medio ambiente”.
Toda a información, mediante unha consulta a IA

Este Mapa de Recursos e Subprodutos para a Economía Circular na Industria Agroalimentaria ofrece información detallada sobre os sectores clave da industria agroalimentaria galega e do norte de Portugal, incluíndo os sectores lácteo, cárnico, mariño, bebidas (viño, cervexa e sidra), froitas e verduras e aceite.
A través da ferramenta deseñada pódese coñecer información sobre os residuos (subprodutos) xerados nos procesos produtivos que poden ser relevantes para a economía circular, como volumes de produción, principais subprodutos, composición química e posibles vías de valorización.
“Toda esta información está ao noso dispor mediante unha consulta a IA, especialmente deseñada para este fin. Mediante o diálogo a través do chat coa IA, pódense obter respostas claras sobre a composición de cada subproduto e as súas posibilidades de aproveitamento actuais e potenciais”, apuntan desde a iniciativa, engadindo que a ferramenta dixital desenvolvida polo consorcio transfronteirizo cuantifica e caracteriza subprodutos industriais da cadea de valor dos alimentos para facilitar a simbiose e a xeración de biocompostos de alto valor engadido mediante intelixencia artificial.
Para democratizar o acceso ao coñecemento, a matriz multidimensional do mapa foi integrada nunha contorna interactiva asistida por IA xenerativa (Google Notebook-Gemini). Na actualidade, a ferramenta preséntase na súa primeira versión beta, dispoñible a través do apartado de recursos da páxina web do grupo de investigación GEN.
