
O profesor e investigador Senén Barro, director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (o CiTIUS) estará hoxe na Casa da Cultura de Pontedeume para falar das ferramentas do futuro que están aquí, entre nós, para quedar, e tamén dos recursos que podemos poñer en práctica para tirarlles o máximo partido dun xeito seguro, racional, consciente e democrático. Ademais, fará un análise das capacidades reais da intelixencia artificial.
O ex reitor da USC achegará o relatorio Poden pensar as máquinas? na Casa da Cultura de Pontedeume, a partir das 19.30 horas. O encontro está organizado polo Ateneo Fernán Martís.
O director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago, é un dos investigadores galegos, estatais e europeos que máis ten contribuído ao impulso da intelixencia artificial e á transferencia de coñecemento.
Senén Barro é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial (IA) na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
