
A Coruña acolle desde este venres 16 ata o domingo 18 de outubro a WordCamp Galicia (#WCGalicia), o evento de referencia para profesionais, emprendedores, creadores de contido e estudantes do ecosistema dixital. A cita, que se celebra por primeira vez na cidade, quere converter a Facultade de Dereito da Universidade da Coruña no epicentro da innovación tecnolóxica. Participarán relatores locais e figuras internacionais procedentes de países como Alemaña, Bulgaria, Serbia ou Portugal.
A lo longo de tres xornadas intensivas, o congreso abordará os grandes retos e tendencias da contorna dixital actual. A programación combinará a aprendizaxe práctica e a acción solidaria do venres coa gran xornada central do sábado, onde se debaterá sobre o impacto da intelixencia artificial, os erros legais máis frecuentes en tendas en liña, a accesibilidade web universal e a saúde mental fronte á saturación dixital. O evento culminará o domingo co Contributor Day, unha mañá de traballo colaborativo para mellorar de xeito altruísta o software de código aberto.
Axenda do venres: formación desde cero e compromiso coas asociacións
A xornada inaugural dará comezo ás nove da mañá deste venres co desenvolvemento do obradoiro intensivo de iniciación a WordPress impartido por Fernando Tellado, deseñado para ensinar a crear un sitio web desde cero a autónomos, emprendedores e principiantes.
Tras dúas horas de formación práctica, ás once da mañá farase un descanso para o café e abrirase unha sesión de preguntas e respostas para resolver as dúbidas dos participantes.
A partir do mediodía dará comezo a actividade central do día co arranque do do_action hackathon, un maratón solidario no que profesionais do sector traballarán en equipo e a contrarreloxo para desenvolver de balde páxinas web reais para organizacións sen ánimo de lucro de Galicia.
O traballo técnico estenderase ao longo de toda a mañá e a tarde, cunha pausa para o xantar, para retomar o desenvolvemento ás tres e culminar ás cinco da tarde coa presentación pública e entrega oficial dos proxectos finalizados ás entidades beneficiarias.
A WordCamp Galicia conta co apoio de referentes do sector como WordPress.com, Bluehost, WooCommerce e Hostinger, xunto con provedores de hospedaxe web e empresas galegas.
