
A nova edición dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en centros de ensino da Coruña (grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña), visitou hoxe o CPI San Vicente da Baña.
O alumnado de 2º da ESO puido desfrutar dunha actividade divulgativa impartida por Elena Martín Lores, que puxo o foco en ferramentas e metodoloxías que axudan a detectar a desinformación e contribúen a loita contra as noticias falsas, denunciándoas e combatendo o seu espallamento.
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, Martín Lores forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine. Amais, recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O Colexio lembra que “o aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes”. Polo tanto, obxectivo destes obradoiros e doutras accións do Colexio é “fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas”. No caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers.
Esta nova etapa dos obradoiros na Coruña vén a complementar os realizados no ano 2025, que levaron o programa de alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao alumnado de Arzúa, Brión, Carral, Curtis, Melide, Oroso, Padrón, Santa Comba e Zas.
Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática. Participan as e os seguintes profesionais da nosa terra: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Carmen Quintela Babío, María Selina Otero Verdes, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.
