
O Museo Gaiás (Cidade da Cultura, Santiago) acolleu hoxe a inauguración da mostra Outro e sobre si, do artista compostelán Andrés Rodís, xurdida da 1ª Residencia ArtLab IGFAE. Trátase dun proxecto conxunto da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago para estreitar os vínculos entre a creación contemporánea e a investigación en física de partículas que desenvolve o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou n a inauguración.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o “estimulante diálogo” que Rodís establece entre conceptos como a superposición cuántica ou o principio de incerteza de Heisenberg e a súa práctica artística. Así, do mesmo xeito que estas ideas supuxeron “unha ruptura na nosa maneira de entender a realidade”, revelando un mundo complexo, gobernado pola probabilidade e a interacción, Rodís cuestiona nas súas obras “os límites do acto pictórico e da obra de arte”.
Na apertura da mostra participaron tamén a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido, o director do IGFAE, Carlos Salgado, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o artista responsable do proxecto.
Explorar os límites da obra artística

Outro e sobre si componse de 25 pezas, entre as que se inclúen pinturas, colaxes, impresións dixitais e unha vídeo-proxección que exploran a potencialidade dos obxectos. As relacións entre o que se mostra e o dispositivo de representación, o debate ao redor do par sinal-ruído ou a importancia da medición e a súas condicións no achegamento á realidade son algúns elementos claves no proxecto.
Nesta tentativa de sondar os límites da obra artística, Andrés Rodís creou unha serie de abstraccións que combinan tanto o obxecto en si (o cadro) como outros moitos sucesos e elementos simultáneos á produción de cada peza: pintura que cae, cemento erosionado do chan do taller, partículas de po, insectos… Estes materiais peneirados da contorna do cadro foron empregados como pigmento nas obras, resultando nunha sorte de orografía do chan e rexistro do acto pictórico.
A Residencia ArtLab IGFAE permitiu ao artista compostelán mergullarse nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, conversar co seu persoal investigador, afondar nas vertentes teóricas e experimentais, e ata obter gammagrafías e tomografías que incorporou á súa proposta.
Esta inspiradora estadía completouse posteriormente na Cidade da Cultura, onde Rodís deu forma ás pezas que compoñen a exposición.
A exposición pode visitarse no andar 1 do Museo Centro Gaiás ata o 10 de xaneiro de 2027, con entrada de balde. Ademais, esta mesma tarde o artista participará ás 19,00 horas nunha conversa aberta co público ao redor do proxecto que terá lugar nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, no Campus Vida da USC.
