
A Fundación Barrié e o centro ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) presentaron hoxe o reto ao que terán que enfrontarse os participantes da VI Liga Maker Drone: deseñar, programar e pilotar un sistema dron capaz de vixiar un volcán, detectar sinais dunha hipotética erupción e enviar unha alerta para poñer en marcha os mecanismos de resposta e protexer á poboación.
Baixo o lema Drons para anticiparse aos volcáns, os preto de 180 estudantes de 2.º de ESO integrados en 18 equipos de centros educativos de toda Galicia deberán resolver, en palabras das dúas entidades organizadoras, “unha misión na que a tecnoloxía pode marcar a diferenza entre detectar unha emerxencia a tempo ou reaccionar cando o perigo xa se estendeu”.
O reto poñerase en práctica na gran final, onde os equipos terán que enfrontarse a un escenario que simulará un volcán e poñer a proba o sistema dron que deseñen e programen.
Nesta contorna, o vehículo aéreo deseñado por cada equipo deberá sobrevoar a zona e vixiar sinais de actividade volcánica e cando detecte indicios dunha erupción, terá que enviar unha alerta de perigo de erupción á central, co obxectivo de poñer en marcha os diferentes mecanismos de resposta ante a emerxencia.
Desta forma, informaron as dúas entidades, “os equipos terán que integrar nunha única solución as súas capacidades de deseño, programación e pilotaxe para completar a misión e gañar o recurso máis valioso nunha situación de emerxencia: tempo de reacción”.

A responsable da área de Educación e Ciencia da Fundación Barrié, Helena Bouza, e o responsable de I+D da división de drons de ITG, Jorge Seoane, foron os encargados de desvelar o desafío e dar a benvida aos participantes na xornada celebrada esta mañá no Centro de Experimentación Avanzada de ITG.
Un reto inspirado nunha ameaza real

Segundo lembran dende o ITG e a Fundación Barrié, “durante séculos, as erupcións volcánicas sepultaron pobos e cidades sen apenas marxe de reacción”. O Vesubio no ano 79, o Tambora en 1815 ou o Nevado do Ruiz en 1985 son algúns exemplos de grandes erupcións que mostran o impacto deste fenómeno natural. “Máis recentemente, a erupción do volcán da Palma, en 2021, puxo de manifesto que o risco volcánico tamén forma parte da nosa realidade, e miles de persoas tiveron que ser evacuadas e vivendas, cultivos e infraestruturas quedaron afectados pola lava”, sinalaron, engadindo que a Liga Maker Drone propón “abordar este desafío desde a tecnoloxía”, xa que este tipo de vehículos aéreos “permiten acceder a zonas perigosas sen expoñer ás persoas, obter información en tempo real e actuar con rapidez, capacidades relevantes para a vixilancia volcánica e a xestión de emerxencias”.
As e os participantes terán por diante case sete meses para poñer a proba o seu enxeño e capacidade de traballo en equipo no desenvolvemento dun sistema dron que dea resposta ao reto exposto. As solucións enfrontaranse ás diferentes probas da competición ata chegar á gran final, que se celebrará o 27 de maio de 2027.
Na pasada edición, as solucións foron avaliadas nunha xornada de exhibición celebrada no Coliseum da Coruña, onde o equipo gañador foi o que conseguiu completar o reto no menor tempo. Ademais, o xurado outorgou catro premios especiais ao mellor deseño, a solución máis disruptiva, a destreza en voo e a mellor presentación.
Formación en tecnoloxía

A Liga Maker Drone é unha iniciativa coa que o centro tecnolóxico ITG e a Fundación Barrié pretenden “fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos e facer que tomen conciencia da relevancia da tecnoloxía en aplicacións da vida diaria”.
A formación tecnolóxica representa cerca do 50% desta actividade, con sesións teórico-prácticas sobre seguridade e uso de vehículos aéreos non tripulados, materiais e fabricación, mecatrónica, sistemas avanzados e adestramento en voo, entre outras materias.
A organización tamén proporciona aos equipos os recursos materiais necesarios para construír cadanseu sistema dron.
Durante os vindeiros meses, os estudantes terán que aplicar estes coñecementos para deseñar e desenvolver as súas propias solucións, combinando tecnoloxía, creatividade e traballo en equipo para afrontar un escenario de emerxencia no que anticiparse pode marcar a diferenza.
Centros participantes
Os 18 centros seleccionados proveñen das catro provincias galegas. Da provincia de Pontevedra participan o CPR Rosalía de Castro e o CPR Compañía de María, de Vigo; o CPR Ángel da Guarda, de Nigrán; e o CPR Eduardo Pondal, de Cangas.
Os centros que participan da provincia de Lugo son catro: CPR Divina Pastora, de Lugo; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos; CPI Dr. López Suárez, de O Saviñao; e o CPI Castroverde.
De Ourense, pola súa banda, participan o CPR Franciscanas, CPR Santa María – Maristas e CPR María Auxiliadora – Salesianos.
Por último, da provincia da Coruña van participar sete centros: CPR San José de Cluny, de Santiago de Compostela; CPR Montespiño, de Culleredo; CPR Peñarredonda; CPR Compañía de María; IES de Elviña, da Coruña; IES de Ortigueira; e IES Isaac Díaz Pardo, de Sada.
