
O Campus de Fundación Luckia formará a directivos galegos que desexen abandeirar o cambio nas súas organizacións da man da intelixencia artificial. Este será o obxectivo do programa intensivo que empezou hoxe, IA aplicada ao negocio, desenvolvido con ISDI Escola de Negocios e enfocado a responsables de equipos e profesionais que necesitan entender, aplicar e liderar a irrupción da IA nas súas compañías.
Con 40 prazas, unha duración de 80 horas e durante 9 semanas, neste programa impartirase formación executiva de alto nivel enfocada ao ecosistema empresarial galego, que permitirá, segundo indica a presidenta de Fundación Luckia, Silvia González, “identificar o que a IA pode achegar ao negocio, identificar áreas e procesos cun impacto que se poida calibrar e establecer fluxos de aplicación reais para persoas directivas que queiran aplicalo no seu negocio”.

Deseñado nun sistema de sistema de formación blended (ou b-learning: aprendizaxe semipresencial), combinando as clases presenciais coa aprendizaxe en liña, contará con casos reais do tecido empresarial galego, relatores que implantaron con éxito a intelixencia artificial nas súas organizacións e un claustro que combina visión estratéxica con aplicación práctica.
Segundo informou a Fundación Luckia, “permitirá ao alumnado, altos directivos do ecosistema galego, identificar procesos, áreas e equipos nos cales a IA poida xerar impacto real, amais de pór á súa disposición ferramentas, prompts e fluxos de traballo para a súa implantación inmediata e permitirá desenvolver un proxecto aplicado a un reto de negocio concreto.
