
O primeiro encontro de Expresso Talks reuniu este xoves a 80 asistentes na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nunha xornada impulsada por estudantes para achegar ao alumnado a profesionais do sector tecnolóxico e fomentar o debate e o intercambio de coñecementos desde a universidade.
A iniciativa está organizada por Ignacio, Carlos e Yago, estudantes do dobre grao en Informática e Matemáticas da USC, e conta co apoio da ETSE e o GPUL.
Celebrada de 18.00 a 20.00, esta primeira cita combinou a presentación de oportunidades para o alumnado con experiencias persoais e técnicas de profesionais do sector.

Nese marco, Domènec Melé, vicepresidente de The Exponential Fellowship, presentou Exponential e os seus programas aos alumnos da USC. Segundo lembrou, Exponential impulsa a mozos e mozas con talento técnico ao comezo da súa carreira conectándoos con startups de alto crecemento de Estados Unidos, mediante oportunidades, comunidade e mentoría.
Pablo Castro, de Auth0, tentou guiar aos estudantes sobre o que poden facer durante a súa estadía na universidade para acadar a meta máis acaída segundo os seus intereses e capacidades: aquilo que os e encha tanto persoal como profesionalmente, desde o seu propio punto de vista: pasando pola empresa tradicional ata co-fundar e vender Arengu.

O encontro achegou tamén ao alumnado aos retos concretos do desenvolvemento tecnolóxico. En Cando a memoria amente: como programar un satélite, Reyders Morales compartiu as adversidades que se atopou traballando con interfaces DDR para a nova placa que están a deseñar en Alén Space, desde Nigrán. A súa intervención levou á aula unha experiencia de traballo vinculada ao sector espacial.
O balance do encontro puxo de relevo “a especial relevancia de que xurdan actividades como Expresso Talks desde a universidade, como punto de encontro entre a formación académica e as experiencias de quen traballa no sector”, segundo informaron dende a organización.

Coa intención de dar continuidade a esta primeira cita, os impulsores expuxeron o seu plan de traballo para todo o curso: celebrar polo menos un evento ao mes, adaptándose ao calendario académico dos estudantes.
Expresso Talks é unha iniciativa que busca construír unha comunidade tecnolóxica en Santiago de Compostela mediante charlas, traballo en rede e minihackathons. A súa proposta é reunir a persoas con “ganas de construír cousas” e “descubrir as opcións que existen ao acabar a carreira”, centrándose en experiencias en empresas, investigación e novas firmas innovadoras.
