
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación organiza, do 15 de outubro ao 15 de novembro de 2026, a novena edición do Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais, que chega este ano a 13 localidades de Galicia con 23 proxeccións. A mostra busca afianzarse como “unha iniciativa de referencia para achegar ao público as historias, experiencias e realidades das mulleres rurais a través do cine”. As proxeccións poderanse ver en formato tradicional (en salas galegas) ou tamén en liña.

A programación presencial inclúe 12 títulos, dos que se poden ver 6 nas salas galegas: Bodegón con fantasmas, de Enrique Buleo; La buena letra, de Celia Rico; La buena suerte, de Gracia Querejeta; La terra negra, de Alberto Morais; Lo que queda de ti, de Gala Gracia, e Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo.
Por provincias, na Coruña hai 7 proxeccións en 5 municipios (A Coruña, Coristanco, Mañón, Neda e Santa Comba); en Lugo, programáronse 6 sesións en 2 salas (San Cosme de Barreiros e Xermade); en Ourense, 5 pases en 3 localidades (Berán, en Leiro; Cenlle, e Ribadavia), e Pontevedra acolle 5 proxeccións en 3 sedes (A Guarda, Meaño e Ribadumia).
Ademais, a sede da Casa da Antiga Escola de Berán, en Leiro (Ourense), acolle hoxe unha presentación coa actriz e directora Ana Asensio, xunto coa proxección de Bodegón con fantasmas ás 20.00 horas. Esta actividade inclúe un concerto e degustación de viño do Ribeiro, cunha mesa redonda con mulleres viticultoras, exposición, taller artístico e encontro con emprendedoras rurais.

Por outra banda, a programación en liña, gratuíta e ao noso dispor desde a páxina web oficial do ciclo, desenvolverase entre o 17 e o 31 de outubro para España e 13 países de América Latina e o Caribe (Argentina, Brasil, Chile, Costa Rica, República Dominicana, El Salvador, Guatemala, Honduras, Jamaica, México, Nicaragua, Panamá e Uruguay). A proposta inclúe unha selección de 13 longametraxes e curtametraxes que abordan, desde diferentes miradas, a vida das mulleres no mundo rural.
Este programa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación desenvólvese durante un mes en 530 localidades de España con 1.097 proxeccións e 461 actividades, co obxectivo de achegar ao público historias e realidades das mulleres no medio rural a través da gran pantalla.
