
Os VI Premios Fouciño, que se celebrarán do 22 ao 24 de outubro en Baio, dedicarán parte da súa programación á animación galega, desde os seus primeiros pasos na animación dixital ata as creacións máis recentes. O festival incluirá un encontro con Manolo Gómez, fundador de Dygra Films e codirector de El bosque animado, que repasará a historia do estudo coincidindo co 25 aniversario da película.
A sesión terá lugar o xoves 22 de outubro ás 20.00 horas e completarase coa proxección das curtametraxes Taxia (2002), de Alberto Fernández e Daniel Robles, e El bufón y la infanta (2007), de Juan Galiñanes. O encontro permitirá coñecer os inicios da animación 3D en Galicia e os retos técnicos e creativos que supuña producir cinema animado hai máis de dúas décadas.
A programación continuará o venres 23 ás 20.00 horas cunha sesión dedicada á animación galega contemporánea. Proxectaranse catro obras: Homeless Home (2019), de Alberto Vázquez; The Monkey (2021), de Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti; Sandwich Cat (2023), de David Fidalgo; e O corpo de Cristo (2025), de Bea Lema. A selección reúne estilos e temáticas diversas, desde a fantasía e o humor ata cuestións sociais e persoais. A sesión incluirá tamén un concurso de dobraxe en directo no que poderá participar o público.
A presenza da animación explica tamén a elección do Xabarín como padriño desta edición. A icona da televisión galega, vinculada á memoria audiovisual de varias xeracións, estará presente fisicamente no festival.
As actividades formativas comezarán o venres 23 ás 12.00 horas cunha charla de Raquel Rodríguez sobre os procesos de animación audiovisual, dirixida ao alumnado do IES de Baio.

A memoria local terá protagonismo o sábado 24 ás 13.00 horas coa estrea dunha curtametraxe documental realizada por rapaces e rapazas de entre 11 e 16 anos no obradoiro de documental dos Premios Fouciño. A actividade impartida por A Furna Coop., de Laxe, que presentará o seu proxecto durante o festival.
A peza percorre a historia de Baio a través dos seus comercios, desde os establecementos máis antigos ata os de apertura recente, para mostrar como a evolución dos negocios reflicte as transformacións vividas pola vila.

A mesma sesión incluirá a proxección de Jardín de plástico, da cineasta de Vimianzo Daniela González Mouzo, seguida dun coloquio. A curtametraxe reflexiona sobre o consumo responsable a través dunha historia ambientada nunha sociedade dominada pola artificialidade. A obra gañou o concurso organizado pola OCU en colaboración con Netflix polo 50 aniversario da organización.
A programación paralela acompañará o concurso de curtametraxes, que nesta sexta edición acadou un récord de participación con 66 obras inscritas. As doce finalistas das categorías Xeral e Escolar proxectaranse o sábado 24 de outubro, durante a xornada de clausura. As actividades dos tres días completaranse cunha programación musical.
Os VI Premios Fouciño están organizados pola AC Premios Fouciño co apoio do Concello de Zas e da Deputación da Coruña.
