
Os Premios Paraugas reunirán na súa XI edición un xurado de quince profesionais vinculados a Galicia con experiencia no deseño, a publicidade, a comunicación, a mercadotecnia e a organización de eventos. Presidido pola directora creativa executiva Xisela López, o equipo será o encargado de valorar os proxectos que concorren aos galardóns do Clúster da Comunicación de Galicia, que se entregarán o próximo 13 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol.
O xurado reúne traxectorias que inclúen campañas para Coca-Cola, Vodafone ou Renfe; traballos de infografía para National Geographic, The Washington Post ou Science; e responsabilidades de comunicación e marketing en empresas como El Corte Inglés, Nueva Pescanova ou Casa Grande de Xanceda. No seu conxunto, os seus integrantes suman recoñecementos nos premios Eficacia, Laus e Anuaria, ademais da presenza nas seleccións de creatividade de Forbes.
Os Paraugas, que este ano amplían o recoñecemento ás distintas especialidades do sector e ao impacto dos seus proxectos, contarán cun xurado que “combina a perspectiva de axencias, estudos independentes e empresas coa experiencia na investigación, a docencia e a publicidade institucional”, en palabras do Clúster.

O xurado estará presidido pola directora creativa executiva Xisela López e integrado por Álvaro Valiño, infografista, ilustrador e deseñador gráfico independente; Noelia Estévez, socia fundadora de Desoños; Julián Abad, presidente de Creatividade Galega e director creativo executivo de Wise; Alba Pato, directora de arte e cofundadora de Bululú Creativos; Tesa Díaz-Faes, socia fundadora de MundiNova e presidenta de Dircom Galicia; Fuencisla Cid, directora de Comunicación, Relacións Institucionais e Márketing de El Corte Inglés en Galicia; Sara Torreiro, responsable de Márketing e RSC de Casa Grande de Xanceda; Yolanda Villar, fundadora e directora de neuromarketlab; Alfonso Martínez, director xeral de Tres Punto Tres Marketing, Comunicación e Publicidade; Javier Herranz, director da axencia Siete Olas; Rubén Domínguez, director de Operacións e Control de Xestión de Servicios Gráficos; Paloma Orjales, directora de Viajes Orzán e Orzán Congres; e Pilar Muiños, fundadora e directora da axencia mui. María Lozano, asesora de Publicidade da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, exercerá como secretaria.
Na XI edición os Premios Paraugas renovan a súa estrutura para “representar mellor a realidade profesional do sector”, informou o Clúster, engadindo que os galardóns contan co patrocinio de Galicia Calidade, do Concello de Ferrol e da Autoridade Portuaria de Ferrol.
“Os premios”, sinalan dende a organización, “diferencian o deseño gráfico do dixital, incorporan un recoñecemento específico para as redes sociais e dan espazo aos proxectos que xeran impacto social, cultural e ambiental”.
Entre as novidades figura tamén a categoría Galicia, destinada a recoñecer iniciativas que contribúan á promoción e proxección da identidade, a lingua, a cultura e o territorio galegos.
Con esta renovación, o Clúster da Comunicación de Galicia busca “dar visibilidade á diversidade do traballo de profesionais, axencias, estudios e empresas, que volverán reunirse en Ferrol na gala do 13 de novembro”.
