
O grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab do Campus de Pontevedra (UVigo) desenvolveu unha plataforma dixital aberta dirixida a monitorizar o grao de cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) por parte dos 8131 municipios existentes en España.
O proxecto, que tivo financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, colleu pulo no marco do proxecto Plataforma ODS, que busca reunir nun mesmo espazo un conxunto de datos que permitan cuantificar e avaliar como avanzan os diferentes concellos na consecución dos 17 obxectivos definidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas. Trátase, explican dende o grupo, dunha iniciativa pioneira en España, onde non existía ata data “unha ferramenta deste tipo”, que abranguese todos os municipios do Estado, sustentada en datos abertos, procedentes tanto de fontes oficiais como daqueles que poidan ir incorporándose tanto por investigadores/as como polas administracións locais.
Coordinado polo investigador Brais Suárez, coa participación das integrantes deste grupo Cristina Míguez, Susana Bastón e Cristina Vázquez, este proxecto abrangueu tamén o impulso dun Comité Cidadán polo Clima en Pontevedra, que traballou nos últimos meses na definición dun conxunto de recomendacións orientadas a promover un consumo alimentario máis sostible no municipio.
Co propósito de poder cuantificar o grao de cumprimento de cada ODS, o equipo investigador seleccionou 69 indicadores, partindo dos propiamente definidos na propia Axenda 2030 e tendo en conta aspectos como a súa utilidade para avaliar realidades locais e a existencia de datos a escala municipal.

Os indicadores permiten á súa vez cuantificar o grao de cumprimento dos ODS, a partir da incorporación de datos abertos e que se poidan descargar e reempregar. Polo de agora, explica Bastón, a plataforma nútrese de datos procedentes de fontes oficiais, “principalmente o INE e institutos estatísticos autonómicos, así coma o SEPE ou o Instituto da Muller”. Partindo deses datos, permite coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos en cada municipio, reflectido nun mapa interactivo. Para iso definíronse unha serie de criterios de medición, que permiten determinar en cada indicador se o concello en cuestión cumpre o obxectivo ou se existe un incumprimento leve, grave ou moi grave, asignándolle unha porcentaxe en cada caso.
A idea é que esta ferramenta poida medrar nutríndose dos datos que acheguen tanto as propias administracións locais, como organizacións do terceiro sector ou proxectos de investigación e de ciencia cidadá. “Podes rexistrarte na plataforma e achegar fontes de datos os datos específicos”, apunta Míguez, que explica que o proxecto conta cuns “revisores especializados en cada un dos ODS”, encargados de revisar e validar as diferentes achegas, “que pasarían a incorporarse á plataforma de maneira pública”.
De feito, o obxectivo do Post-Growth Innovation Lab é darlle continuidade a esta plataforma, máis aló do proxecto no que naceu, “buscando novas convocatorias ou colaboracións con diferentes entidades”.
