
O divulgador tecnolóxico Raúl Ordóñez (@jaspeante), con máis de dous millóns de seareiros nas redes sociais, imparte o martes 20, ás 11.00 horas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo (USC), a conferencia Non é maxia, é criterio: como usar a IA sen que te use a ti.
Nela pretende achegar ao estudantado unha visión práctica e crítica da intelixencia artificial, poñendo o foco “na importancia de aprender a utilizar estas ferramentas sen renunciar ao razoamento propio nin á capacidade de análise”, segundo adianta o relator.
Raúl Ordóñez é un recoñecido divulgador especializado en intelixencia artificial, tecnoloxía e mercadotecnia dixital que “a través dos seus contidos achega as novas tecnoloxías ao público dun xeito accesible e práctico, contribuíndo a facilitar a comprensión das súas aplicacións e do seu impacto na vida cotiá e profesional”, informan dende o Campus de Lugo (Terra).
A sesión abordará cuestións como o funcionamento e as limitacións das ferramentas de intelixencia artificial xerativa, as súas posibilidades para mellorar a aprendizaxe e a produtividade académica, e a necesidade de avaliar a fiabilidade da información que proporcionan.
Tamén se tratarán aspectos relacionados co uso ético destas tecnoloxías, a prevención do plaxio e os riscos derivados dunha dependencia excesiva da IA.
Con esta conferencia, a Facultade de Administración e Dirección de Empresas quere iniciar o curso académico convidando ao alumnado a reflexionar sobre unha das transformacións tecnolóxicas con maior impacto na educación e no mundo empresarial.
A iniciativa responde tamén á importancia de desenvolver competencias dixitais e pensamento crítico na formación das futuras xeracións de profesionais, nun contexto no que a capacidade de utilizar a tecnoloxía con criterio resulta cada vez máis relevante.
A conferencia está coordinada pola decana da Facultade, Paula Vázquez Rodríguez, e forma parte das iniciativas destinadas a complementar a formación académica e achegar o estudantado aos retos actuais da transformación dixital.
