
A Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua, vai destinar preto de 300.000 euros a once bolsas de investigación que van permitir ampliar coñecementos sobre lingua e literatura galega no Centro Ramón Piñeiro, ademais de favorecer a súa presenza nos novos soportes e ferramentas de tradución.
Con este obxecto, o Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución coas persoas seleccionadas que van afondar en materias lingüísticas, literarias, históricas e antropolóxicas sobre o noso idioma.
Desta volta, as bolsas permitirán que as e os investigadores afonden nos seguintes proxectos de investigación: Dicionario histórico-etimolóxico da Lingua galega, Bibliografía da lingua galega, Fraseoloxía galega, Corpus de referencia do galego actual (CORGA), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR (Atlas Lingüístico Románico), Dicionarios de literatura e Literatura infantil e xuvenil.
A Secretaría Xeral da Lingua fixo saber que os once candidatos seleccionados foron avaliados por unha comisión específica que tivo en conta os méritos acreditados documentalmente por cada un dos solicitantes, considerando especialmente a nota media do expediente académico, a súa formación complementaria, a presentación de comunicacións e congresos relacionados coa bolsa ou as publicacións relacionadas coa especialidade da investigación.
A data estimada de comezo destas investigacións será o 1 de decembro deste mesmo ano e rematarán o 30 de novembro de 2028 como máximo.
Con esta convocatoria, a Secretaría da Lingua, dependente da Consellería de Cultura, busca “fomentar a capacitación dos titulados universitarios, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega”.
Neste contexto, o Centro Ramón Piñeiro, como entidade investigadora de referencia en estudos de investigación filolóxicos, literarios e antropolóxicos, está a potenciar o prestixio crecente da lingua galega, fomentando liñas de actuación que favorecen os traballos de investigación nestes eidos, así como a súa difusión no exterior.
Investigación en Humanidades
O Centro Ramón Piñeiro é un organismo dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cuxo cometido é promover a formación e capacitación das persoas universitarias a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito de humanidades.
Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva, ademais de centrarse na dixitalización do coñecemento, co propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan poder compartilos e difundilos e sexan de acceso libre.
Desde a súa fundación, hai 28 anos, pasaron máis de 500 investigadores ou bolseiros que formaron parte dos diferentes proxectos de investigación impulsados.
